sábado, 19 de febreiro de 2022

Mexillóns para o futuro

Contábanos Xulio que os mexillóns mataron a fame de moita xente nos anos de escaseza, e fálanos dun vello da familia que lle pedía ós fillos ir na procura dun canastro deles para adubar as verduras. Tamén nos lembra que cando un veciño quixo facer un pozo apareceu un estrato formado por cunchas de vieira, segundo el porque antigamente o mar chegaba ata onde el ten agora a casa. Moitos anos máis tarde, outro veciño que vive nunha das zonas altas da parroquia, contábanos da sorpresa que levaron cando estaban facendo os cimentos dun garaxe e tamén apareceron moitas cunchas, segundo este porque antigamente a xente comía o marisco como hoxe se comen as patacas, e as vieiras, por exemplo, eran tan abundantes que se exportaban a Santiago, onde a curia comía o molusco e vendíalle as cunchas ós peregrinos como se fose un salvoconduto.

Xulio, facendo unha especie de comparación cos cuncheiros dos castros non dubida en asegurar que os moluscos, agora tan caros, eran o prato noso de cada día, que ademais de ser un bo alimento era algo doado de conseguir sen ter que arriscar a vida na caza, expostos á furia dun animal acosado, ferido e acurralado, ou agardando varios meses para ver como medraban os nabos ou o centeo.

E debían selo, segundo o amigo Xulio nos afirma que se asegura nunha recente publicación, onde se preguntan se salvarán de novo os mexillóns á humanidade, se volverán a ser os moluscos, unha vez máis, fonte de enerxía e riqueza das despensas, como xa o foron hai uns douscentos mil anos, cando a terra sufriu unha intensa glaciación que obrigou ás distintas poboacións a emigrar cara terras máis cálidas, e fíxoo seguindo a liña costeira de África, segundo se desprende dos diversos cuncheiros indicativos de que a dieta daqueles antepasados de todos nós estaba constituída, nunha maior parte, polo consumo de moluscos, porque ademais de serlles doados de apañar, aportábanlle a enerxía e os ácidos graxos necesarios para que, entre outras cousas, contribuísen á evolución do cerebro, o órgano que máis enerxía consume de todo o corpo humano.

Segundo se nos explica nese artigo, os moluscos, e os mexillóns en particular, tamén poden ser a clave para alimentar no futuro ás once mil millóns de bocas que poboarán a Terra dentro de trinta anos, por dúas razóns fundamentais: son ricos en proteínas e o seu cultivo non require grandes inversión tecnolóxicas derivadas do uso da auga ou da mecanización. Por dicilo dunha maneira máis concisa, as bateas producen moito menos dióxido de carbono ca un galiñeiro e non necesitan maiores coidados ca, por exemplo, un rabaño de ovellas.

E claro que non imos comer só mexillóns, pero aí está unha fonte de proteínas da que nós somos punteiros.

Tamén se di no devandito artigo que as bateas producen un menor impacto medioambiental, e niso creo que moitos dos nosos veciños han de manifestar as súas dúbidas, pois os restos de cunchas que hai debaixo das bateas non deixan de ser unha capa de escombro que impide o crecemento de algas e outros elementos fundamentais para a formación do necesario fitoplancto de que se alimentan.

Como dicían naquela película de Billy Wilder, nada é perfecto, pero neste caso, para algo se inventaron as dragas.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


xoves, 17 de febreiro de 2022

LUCIA BERLIN


Por Pepe de Rocaforte

 

 

Entre a lectura de “Manual para mulleres da limpeza” e actual de “Unha noite no paraíso”, fun descubrindo a biografía real desta muller, nacida en 1936 e morta en 2004, é dicir non tan nova como se nos dixera, nin tampouco tan marxinal: en vida publicara tres ou catro libros de relatos e unha manchea de contos en diversas revistas. Cando tiña nove anos, a profesión de enxeñeiro de minas de seu pai levou a familia a se instalar en Santiago de Chile, onde Lucia foi educada coas rapazas da alta sociedade chilena, ata que ós quince anos e cun perfecto dominio do castelán, foi enviada a cursar estudios universitarios en Novo México, onde sería alumna de Ramón J. Sender, de quen admirou particularmente a “Crónica da alba”. (Por certo cantas persoas norteamericanas lerían os tres extensos tomos desa novela de Sender?)

Casada en 1958 co pianista Race Newton, o seu segundo marido, instalouse en Nova York un ano despois do casamento; o matrimonio tería fin en 1960, cando marchou a México con outro pianista, Buddy Berlin, heroinómano ó lado de quen iniciaría unha adicción alcohólica que non conseguiría vencer ata cumpridos os cincuenta anos.

Nesa época dos anos setenta e oitenta, con catro fillos e tres divorcios ás costas, iniciou un periplo que a levou a practicar unha reste de profesións que irían desde profesora substituta na universidade de Novo México a auxiliar de enfermería, telefonista, limpadora, nunha acelerada costa abaixo á que non podería poñerlle freo ata 1994 que un amigo a levou á universidade de Colorado, onde no campus de Boulder pasaría os seis anos seguintes como escritora residente e, finalmente, profesora adxunta.

Desta parte da súa vida sairían moitos dos argumentos dos seus relatos, boa parte dos cales son tan redondos, tan maxistrais, tan sinxelos e ó tempo tan complexos, que parece que lle fosen ditados polo numen ó oído.

E como mostra pásolle a vostede o extracto dun texto que ocupa pouco máis de media páxina, “O Pony Bar. Oakland”, que empeza así: «Hai certos sons concretos que son perfectos. Unha pelota de tenis, unha bola de golf golpeada no punto xusto. Unha volea alta nunha luva de coiro»...

O relato continua unhas quince liñas máis nas que lembra un xogo de críket en Santiago [de Chile]. Parasois vermellos, céspede verde, os Andes brancos... Para rematar con estes sinxelos parágrafos: «No Pony Bar lembrei que me sentira tan fóra de lugar no céspede verde como me sentía no taburete da barra ó lado do motorista. Levaba bisagras tatuadas nos pulsos, na articulación do cóbado, detrás dos xeonllos.

»-Faiche falta unha bisagra no pescozo -díxenlle.

»-A ti faiche falta que che dean polo cu.»

 ¡Ah!, Antes de me despedir ata a semana próxima, quérolle facer saber que tan pronto como acabe a lectura actual, voume poñer con “Ben vida a casa”, as memorias inacabadas de Lucia Berlin. Non vou deixar pasar máis tempo sen a ler.  Xa lle contarei.

 

 

sábado, 12 de febreiro de 2022

Amores e comenencias

 

Que casar non é o mesmo que estar namorado, xa o dicía miña bisavoa; pero xa moi antes ca ela, nas cartas de Eloísa a Abelardo, escritas no século XI, cando as parellas casaban segundo os gustos e as comenencias de seus pais, a rapaza escribe que o amor é puro e sen ataduras, mentres que o matrimonio é unha atadura que ela cualifica de prostitución por contrato. E se non díganllo vostedes ós monarcas pasados, presentes e futuros.

Unhas veces para xuntar terras e outras para facer as paces, os casamentos eran pactos de familia, o amor ocupaba un segundo lugar e prevalecían as estremeiras das herdades, xustificado con aquilo de que o cariño viña co roce. Pero a maioría das veces, por moito que os cónxuxes se rozasen, o namoramento non chegaba e a mesma Igrexa tiña que inventar bulas para desculpar e perdoar a quen buscaba fóra do leito matrimonial o amor que lle faltaba. Por iso, poñéndolle piso á querida e pagando bulas á Igrexa, seguiron sendo moi católicos quen tiña con que pagar tal dispendio sen deixar de espallar fillos ventureiros.

Nós temos un refrán que ata ós mozos á súa terra de orixe, como unha maneira de evitar o despoboamento das aldeas: “Quen fóra vai casar, chata leva ou vai buscar”. Por sorte un refrán xa superado, que no seu tempo tiña o propósito indiscutible de forzar ás parellas a non abandonar a parroquia ou a aldea, para que as terras que lle correspondían en herdanza non se perdesen por venda ou deixadas a monte se casaban fóra do seu lugar de orixe.

Pero como o amor é máis forte que o matrimonio, no santuario de Nosa Señora das Ermidas, contábanos quen alí ten sido acólito, que ata non hai moitos anos, no camarín da Virxe, e sendo el testemuño, celebrábanse matrimonios clandestinos entre parellas de namorados que non se podían corresponder abertamente, xeralmente porque os pais xa lles tiñan buscado a alguén máis acorde para os intereses da familia; e daquela bendicíaos o cura en secreto, previndo que, se por un descoido ou pola euforia amatoria a rapaza quedaba preñada, non cometía pecado e xa tiñan o matrimonio adiantado. Á fin, xustificábase o exacólito, aqueles cregos non facían máis que obrar co exemplo de san Valentín, quen tamén casaba clandestinamente a aqueles namorados a quen seus pais non lles daban permiso. Razón pola que o santo pagou co seu martirio. Mais, como a ollos da divindade obraba sensatamente, cóntase que unha agradecida namorada plantou sobre a súa tumba unha roseira que florecía cada ano polo catorce de febreiro.


Milagres e lendas á parte, o de san Valentín non está moi claro. Non hai documento que testifique a súa existencia real, tanto así que o calendario eclesiástico borrouno en 1969, pero como o comercio que arroupa a este día é tan grande, e a lei da demanda é quen manda nos ritos e nos rituais, recuperouse a súa figura e el, promotor de tantos matrimonios clandestinos para que non pecasen a ollos de Deus aínda que ós de pais e sogros levantasen verdadeiras guerras e crises familiares, é o causante de que no seu día suba o IPC dos restaurantes con veliñas, das florarías, das xoierías, da lencería e das suits de hotel.

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


mércores, 9 de febreiro de 2022

LADY HESTER STANHOPE


Por Pepe de Rocaforte


Volvo unha vez máis cunha vella coñecida miña: Lady Hester Stanhope, de quen me ocupei aquí xa hai tempo, e a quen regreso hoxe estimulado por un amigo con quen estes días conversei desa curiosa muller, segundo Lytton Strachey ou James C. Simmons unha femia de armas tomar, bastante diferente de como a pintan os escritores de por aquí. Por exemplo Simmons descríbea así: «Era teimuda, orgullosa e dominante. Tiña unha ilimitada confianza en si mesma, unha voz rexa e profunda, e estaba segura de ter nacido para mandar. Era alta e forte, cunha estatura de 1,83 metros». (o meu amigo dime que tanta precisión na medida parécelle debida ó converter o tradutor os “pes” ingleses ós nosos metros).

Un coñecido de lady Hester conta que «nunca fora fermosa, a súa cara era alongada, grosa pola parte inferior e moi pálida, parecíase moito a seu tío William Pitt». Ela mesma recoñecía que nunca fora atractiva. Era, en cambio, valente, enxeñosa, cunha intelixencia superior á da maior parte dos homes da súa contorna. O cal levou a outro amigo de seu tío a comentar que supoñía que só se podería casar se encontraba un home tan intelixente coma ela, ó cal respondeu Pitt: “Daquela non casará nunca”.

  Tamén William Pitt lle dixo noutra ocasión: «Se foses home enviaríate ó continente con 60.000 soldados e daríache carta branca. Seguro que non fallaría ningún dos meus plans». Á vista do cal pregúntome que sucedería se, en vez de ser John Moore quen mandaba as forzas inglesas na batalla de Elviña, fose Hester Stanhope. Ó mellor era outro o resultado.

 Aquí en Galicia, tanto Leandro Carre, como Álvaro Cunqueiro ou José María Castroviejo, con mención especial para don Manuel Murguía, tal vez quen primeiro mencionou entre nós o nome desta muller, segundo me di Francisco Vidal, describírona dun modo máis poético. Por exemplo Carré conta que a mañá do 16 de Xaneiro de 1840 (ollo ó dato) apareceu a Coruña envolta nunha espesa brétema. Ó se abrir as portas do xardín de San Carlos, unha muller enloitada, duns cincuenta anos, entrou e achegouse ó monumento baixo o cal disque está enterrado o xeneral sir John Moore. A descoñecida axeonllouse ó pé do sepulcro e bicou a terra húmida. Pouco despois ergueuse e abandonou o xardín. A partir de entón, e durante algúns anos, todos os dez e seis de Xaneiro chegaba aquela misteriosa dama á mesma hora; axeonllábase ó pé da tumba e logo íase, soa e tristeira. Tratábase sen dúbida da namorada de Moore, morta (atención de novo ó dato) en 1839 en Siria, onde foi coñecida como “a raíña dos árabes”.

Álvaro Cunqueiro describe o rostro desa muller, cun atractivo, fino nariz, que ó respirar a fermosa bate as ás, flor de dúas pálidas pétalas xemelgas. E seguindo cos arrebatos líricos, José María Castroviejo pinta a “infinita e íntima melancolía do xardín de San Carlos”, onde  Lady Stanhope, «salouca sobre o peito xeado de sir John Moore contra o cal se apertou nun convulsivo adeus, antes de ir enterrar nos desertos o seu amor desesperado e romántico».

    
      
En realidade Moore morreu en brazos de James Stanhope, irmán de Lady Hester, de quen se despediu con estas palabras: “Stanhope, dálle recordos á túa irmá”, mentres outro irmán dela, Charles, morría aquel mesmo día na mesma batalla de Elviña, para non deixar irse só ó outro mundo a Moore, cuxa morte destruía os plans de Lady Hester, sobriña do primeiro ministro William Pitt, homosexual inconfeso, de quen ela, presunta lesbiana, actuaba como secretaria (os plans de Hester Stanhope seica consistían, despois da morte de Pitt en 1806, en conseguir o nomeamento de primeiro ministro para Moore e actuar ela como primeira ministra na sombra). Ó resultar irrealizable este proxecto, Lady Hester acompañou en 1810 ó seu irmán James a Xibraltar, a incorporarse ó seu rexemento, e de ali viaxou en solitario a Malta, onde coñeceu un mozo, Michael Bruce, once anos máis novo que ela, fillo dun rico home de negocios escocés. O mozo converteuse axiña no seu amante, co cal lle levantou a paletilla, un tanto de capa caída despois da morte de Moore. Todo dun modo moi lírico e poético de sobrevivir, como se pode ver.