luns, 11 de novembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (44)


                                                                        O Curmán de Undochán







 
Galo Salinas
          
En crónicas varias temos falado de galegos avecindados no Uruguai, nalgunha concretándonos aos que tal fixeran no século XX: mais hai algúns do século anterior que tamén mereceron a nosa atención, hoxe traendo unha mostra, ordenada segundo o inicio dos seus anos de residencia neste país.



            Galo Salinas Rodríguez (Coruña, 1852-1926) é o máis coñecido polo seu papel no Rexurdimento. Residían en Montevideo, desde meiados de século, José Williman Lugrís (con ese apelido paterno alsaciano, oriundo de Mera-Oleiros, 1819-1886) e sua dona Antonia González Otoño, natural de Caión, tendo familiares na Coruña. Tal vez recomendado por estes a aqueles, con doce anos Galo emigra acá, onde morou doce anos máis (1864-1876), sen lle dar tempo a facerse aquí dun nome... mais cabería perguntármonos o que aquel ambiente republicano puido pousar na mente daquel mozote coruñés...
     Radicado na Coruña, integrou a Cova Céltica e publicou o primeiro drama histórico en verso galego, A torre de Peito Burdelo (1891, reeditado non hai tanto pola Escola Dramática Galega). Con todo, seique o que máis lle merece memoria é a fundación da “Revista Gallega” (1895-1907), que dirixiu e sostivo economicamente e que marcou un fito fundamental no noso renacemento cultural e político. Deixouna nesta última data polo seu traslado a Madrid, onde fora nomeado canciller do consulado uruguaio... xusto no ano en que asumía, como presidente da República, o fillo dos seus protectores, Claudio Williman González. Retornado á Coruña, acabaría aí a sua vida, despóis de ter publicado obra abondo.
José Ma. Riguera



            Natural de Muras (1844) ou Ourol (1845), a traxectoria de José María Riguera Montero (seique Rigueira, morto en Viveiro en 1922) ten, esta si,  parte salientábel no Uruguai, onde morou nos anos 1870-c.1893, co cal algúns coincidíu con Salinas mozo. Aquí fundou o “Instituto Oriental” e doutorouse en Dereito, desempeñando varios postos na Maxistratura e exercendo a docencia universitaria do Latín, ao tempo que daba a lume textos de diversa índole. (Onda el tamén residía seu irmán Manuel, que exercéu o maxisterio).



            De volta en Galiza e establecido na Coruña, colabora, como Salinas, nos meios de comunicación e participa en canta iniciativa nace na daquela activísima cidade (“Liga de Amigos”, presidente de “El Eco”...), mesmo en feitos de carácter filantrópico, chegando a financiar (en Viveiro, 1911) os actos do centenario de Pastor Díaz. (Nada disto, por certo, na lingua do país).
            Na Crónica 6 falábamos daqueles exiliados da I República española. Agora tócanos dedicar unhas liñas a un exiliado do bando contrario, o monárquico e conservador compostelán Antonio Varela Stolle (1821-1889), o único do trío que ficou nestas terras, ás que arribara, anos despóis do triunfo da “Gloriosa” (1868), en 1873 (dito ano, entón, residían estes tres na capital uruguaiana, ignorando se entre os dous últimos chegou a se dar relación).



            Así que Varela chegou xa como avogado pola USC (onde exercera e tivera cátedra), con obra publicada (ver ilustración), sendo nomeado “Fiscal de lo Civil y del Crimen” (1875), cargo no que xa se demostrou instrumento do poder político. Chegado 1879 é elexido primeiro presidente do Centro Gallego de Montevideo. E. a seguido, é destinado a Tacuarembó como xuiz letrado (1880-1883): neste cometido foi que lle tocou o caso de Manuel Sánchez Caballero, xoven procurador español que mantiña unha agre disputa coa autoridade local, condenándoo á cadea. No traslado do preso para a capital, este desaparece para sempre (nunca encontrándose o cadáver), no que se entende ter sido vítima da aplicación da célebre “ley de fugas”. O asunto, malia ter enorme repercusión a nivel diplomático e tamén entre a colectividade española e galega, ficou definitivamente tapado.



            Varela foi destinado a Cerro Largo, onde, aí si, sentenciou a favor dos veciños nun dos preitos sobre o “ejido” da nova vila de Treinta y Tres (1883), en contra do reclamante suposto dono dos terreos. O galego acabaría morrendo na capital, xa apartado da actividade xurídica.

     Máis da sabiduría popular: -¿Cómo dice que le va? (dando por feito a habitual e mecánica resposta do interpelado: -Bien... -moitas veces simplemente ocultando posíbeis males que non quer revelar ou compartir).

Ningún comentario:

Publicar un comentario