Este agosto das mil festas, cando remata a sega e se
fai a malla, é o mes dos agradecementos. Foi o mes de Ceres, a deusa dos
cereais, e foi no mundo celta o mes da Lugnosad, en honor de Lug e de súa nai
Tailtiu, a deusa da natureza.
E nesa festa da colleita que celebraban os pobos
celtas, o cabeza de familia, coa cabeza descuberta, cortaba un feixe de cereal
para ofrecerllo ó sol entoando un cántico de gratitude.
En Escocia escollíase para esta celebración un
outeiro, e tras a sega gardábase a última gavela cortada como símbolo de boa
sorte, para agasallar con ela ós animais de tiro o primeiro día en que se
volvese saír ó campo a labrar as terras.
O cristianismo solapou todos estes rituais coa
celebración da Ascensión da Virxe María rodeada de anxiños como os campos fértiles
se rodean de paxariños.
Pero agosto tamén é o mes que anuncia o cambio de
ciclo, con aquel Primeiro de agosto
primeiro de inverno que dicían os vellos, que tamén agoiraban que se Agosto mollado, neve pró ano ou Abril chuvioso, maio ventoso e agosto
caloroso, fan ó ano venturoso.
Como vedes, prognósticos hai para todos os gustos,
pero, pensando no santoral, atendede a aquel que advirte as couves polo san Lourenzo, nin nacidas nin no lenzo, así como
aquel outro Os nabos polo san Bartolomeu,
a cada paso o seu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario