venres, 7 de agosto de 2015

O turista con cámara fotográfica

Por Pepe de Rocaforte
    
        Hoxe, sen maior ánimo de polémica voume permitir discrepar da opinión do compañeiro do “Korruntxo do Okupa”, quen hai uns días se despachaba aquí mesmo contra os turistas de cámara fotográfica e similares.
            Di o compañeiro que estes turistas, por tomar fotos, perden a posibilidade de contemplar demoradamente os monumentos, figuras ou paisaxes que fotografan. Eu, que pertenzo a esa clase de turistas, cando fago unha foto de algo é porque antes me chamou a atención, é dicir, que o vin e poderei seguilo vendo, admirando e gozando del despois de sacar a foto, traballo que me ocupará máis ou menos un tempo de tres segundos, o cal quere dicir que en cousa de cinco minutos podería ter sacado un cento de fotografías, o que non estimo como unha perda de tempo moi considerable.
Tamén hai os fotógrafos que precisan dispor dun tempo superior, buscan o lugar máis axeitado para efectuar a toma, montan o seu trípode, controlan a luz, elixen filtro, axustan enfoque, apertura e velocidade do obturador, etcétera. E fano porque están tratando de realizar unha obra de arte, creo eu. O cal faime lembrar dunha viaxe de hai poucos anos pola Magna Grecia, durante a cal un compañeiro de expedición, diante das ruínas Selinunte, de Agrixento, de Siracura ou de Taormina, sentábase na primeira pedra ó caso, botaba man da libreta de debuxo e parábase a reproducir con moita calma o que outros simplemente miraban e/ou fotografaban e proseguían camiño ó eu aire.
A dedicación deste compañeiro era vista por algúns coma una perda de tempo, habendo como hai cámaras fotográficas para realizar semellante labor, e mesmo houbo quen, peor intencionado, opinaba que se trataba dunha pose, só unha maneira de darse aires de artista diante do resto da xente.
Ese menosprezo cara ó turista de cámara fotográfica empezou a medrar coa invasión de viaxeiros xaponeses, sen que se nos ocorrese pensar que, normalmente, esa xente dispón de moi pouco tempo de vacacións e esas fotos vanlle servir, como a outros lle serven os diarios e apuntes que toman, para reconstruír unhas vivencias que doutro xeito tal vez se lle perderían nos recunchos da memoria. ¿Ou para este mester é menos válida a fotografía que o apunte manuscrito?
Se eu non tomase, por exemplo, esa foto da parella xaponesa co seu quitasol nos xardíns do Xeneralife, seguramente non volvería lembrar unha vivencia determinada da que posteriormente saquei outras varias consideracións. Nin me acordaría dos obreiros que preparaban o escenario do Teatro Grego de Taormina para unha representación de ópera. Se non lle tivese tirado unha reste de fotos coas cales compuxen despois un “pps” no que me inventaba unha actuación de “La Fura dels Baus” considerando ós obreiros como actores e o seu traballo como unha representación no estilo do grupo catalán.
En fin, que hai xente para todo e precisamos ser comprensivos coas maneiras de proceder de quen non tén os mesmos prexuízos ca nós.
Porque en resumo de contas todos vos é cuestión de puntos de vista.


Ningún comentario:

Publicar un comentario