Virgo é un símbolo zodiacal que, por
representar a unha muller, unha daquelas deusas sempre guapas e sempre
sensuais, cada quen deu en asegurar que
se trataba da que máis lle conviña, pero tendo en conta que o zodíaco vén do
tempo dos babilonios, é moi doado que a figura feminina que ocupa esta parte da
eclíptica fose, nun principio, unha das súas deusas.
Os romanos, que tanto influíron no pensamento europeo, estenderon a idea de que aquela tiña
que ser Ceres a deusa da agricultura, a quen lle está dedicado precisamente o
mes de agosto por ser o mes en que rematan os labores relacionados cos cereais,
e daí que lle puxesen unha espiga na man, esa luminosa estrela que recibe o
nome de Spica, ou a Espiga entre nós.
Sen embargo, os gregos, que tiñan a
súa outra maneira de interpretar as figuras celestes, xa viñan dicindo, desde moito antes cos romanos, que esta
era unha tal Astrea, filla de Zeus e de Temis, quen, na procura da xustiza, leváballe a seu pai os
raios, coma quen leva un feixe de leña, durante a guerra contra os titáns, unha deusa que antes de alcanzar o
Olimpo foi mortal, e viviu entre os homes durante aquela época dourada en que
non había mal na terra, cando non existían os ladróns nin os asasinos nin os
caloteiros, e como era unha persoa que tiña fe na humanidade agardou ata o
último momento, coa súa balanza da xustiza na man, ata que non puido máis e,
vendo o camiño que seguía a humanidade, fuxiu da terra e Zeus permitiulle ficar
no ceo coa súa balanza (Libra), preto. Ben, digamos mellor que coa balanza da
xustiza ós seus pés. Eu diría que desde aquela inutilizada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario