Por Pepe de Rocaforte
De todas cantas cousas se desfixo o que máis
dor lle causou, dime, foi o destino dado a unha boa cantidade de libros.
Andounos ofrecendo a bibliotecas, a centros escolares, a varias asociacións, e
en ningún lugar mostraron interese por semellante material. Nin sequera por
unha voluminosa Enciclopedia Larousse, que finalmente rematou, coma o resto dos
libros de que se desfixo, nunha máquina destrutora de papel.
Porque ese foi o único modo de que llos
levasen. Mellor dito, de que os levasen entre ela e unha amiga, cada unha no
seu coche, a un almacén onde compraban papel, nunha localidade do extrarradio
madrileño. Aínda que o de comprar sexa case unha figura retórica, porque á
pregunta de canto lle pagarían, a contestación foi que dependía da calidade do
papel. Finalmente a cousa rematou nun pago de dezeoito euros "para gastos
de gasolina".
E o detalle da enciclopedia faime lembrar de
Miguel de Unamuno quen, en "Por tierras de Portugal y de España", fai
unha desapiadada descrición do Casino de Trujillo, en cuxa biblioteca,
"pobrísima", non faltaba, eso si, "o inevitable Dicionario
Enciclopédico que serve para dirimir as cuestións con apostas". ¿Para que
fai falta agora un dicionario deses se a información se ten nun iPad ou nun
iPhone xa ó alcance dos nenos de dez ou doce anos?
¿E a que conto vén agora todo esto? Pois
relátoo porque esa tal aventura da biblioteca da miña amiga causoume moita
tristeza, máis que nada polos malos augurios respecto ó previsible futuro do
libro, e penso que non só do libro impreso, senón da lectura en xeral.
Para contrarrestar esa tristeza quérome
alegrar hoxe coa apertura da Feira do Libro da Coruña, a máis importante e
concorrida de Galicia. Ainda que posiblemente sen nos coñecer, espero vernos
todos por alí en calquera destes dez días que dura o evento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario