Por
Pepe de Rocaforte
¿A que se deberá este atractivo exercido polas illas sobre nós? ¿Será porque nunha illa se encontra Utopía, o paraíso cerrado onde se atopa a felicidade? ¿Deberáse á esperanza dunha aventura exótica tal vez? ¿Ou porque unha illa pequena, poño por caso, nos produce a impresión dun territorio facilmente abarcable sobre o cal exercer o noso dominio? ¿Será por unha esperanza de soidade e illamento, vala a redundancia, suxerida por un lugar en certo modo inaccesible, rodeado de mar?
Nunha illa situaban os celtas o seu Edén,
Avalon, paraíso cinguido polo mar onde ían os guerreiros mortos en combate, o
mesmo lugar onde Artur debe entregar a espada Escalibor, alí mesmo recibida da
man da Dama do Lago.
Poida que xa alguén teña dado coa explicación
axeitada, non o sei. Henry Michaux, seducido polo seu atractivo, fixo da illa
unha feliz comparanza cunha nube. Para logo rematar con esta observación:
"se os capitáns de navío non se empeñasen en ila ver desde máis preto..."
E Luís García de Vegueta, historiador canario,
deunos a súa frase chea de musicalidade, rotunda coma dous versos: "Sempre
foron amadas dos deuses as illas perdidas en medio dos mares". Pero nin un
nin outro me acaban de aclarar a cuestión. ¿Será a illa o mellor símbolo do
centro do mundo, ese Ónfalos ideal como imaxe da perfección difícil de acadar,
inaccesible case?
Tal vez ó cabo a cousa non radique senón na
sensación de pequena aventura exótica experimentada polos aventureiros que cara
a elas embarcamos en vacacións con viaxe de volta asegurada.
Doulle hoxe todas estas voltas ás illas,
porque este verao parece especialmente poboado delas. Temos esa anecdótica illa
grega seica ofrecida por Cristiano Ronaldo como regalo de voda ó seu axente
futbolístico. Temos "A Illa Mínima" de Alberto Rodríguez, proclamada
candidata a non sei cantos Premios Goya para este ano. Contamos tamén con
"A illa da infancia", presumible best seller do nouregués Karl
Ove Knausgard, exposto nas casetas da recente Feira do Libro da Coruña. E,
finalmente, esta mesma tarde, veño de gozar dun indescriptible solpor sobre as
Illas Cíes. ¿Algo que obxectar?
Ningún comentario:
Publicar un comentario