venres, 16 de setembro de 2016

A casa de Colón



Xa sabedes, que nesta casa ou neste caderno de bitácora, somos moitos os que estamos seguros de que don Cristobal Colón morreu sen saber onde quedaba Xénova. Pero tamén, que se don Celso García de la Riega non fose tan perfeccionista cando quixo amañar as letras dun pergamiño, hoxe non andariamos tan metidos nesta dúbida eterna sobre a súa orixe.
Hai obras, feitos e evidencias abondo coñecidas que apoian a tese da galeguidade de Colón, e en Pontevedra, no lugar de Portosanto, aínda conservan a que se di que foi a súa casa natal, a cal ten un cruceiro diante onde se fala dun tal Colón. Na mesma igrexa de Santa María, hai unha inscrición con letras góticas na que se indica que unha capela que queda á man dereita preto da porta principal, foi pagada pola xente da familia Colón, que eran xentes de mar, e podemos seguir falando da linguaxe usada no seu caderno de bitácora, dos nomes escollidos para bautizar os acidentes xeográficos das novas terras ou que o nome que lle deron á carabela Santa María era pola patroa da igrexa dos mareantes pontevedreses ou que no argot mariñeiro a aquela lle chamaban “La Gallega”.

En fin, só por lembralo, aquí deixamos a foto da casa hoxe convertida en museo, cunha interesante biblioteca sobre a vida do Almirante. Pero tamén é mágoa que na reforma non se vexa unha reconstrución do hábitat en que vivían os moradores precolombinos, por facernos unha idea de como era o seu día a día, e só se fixo o esforzo de convertela nunha enorme sala de varios pisos con paneis informativos sobre as súas viaxes e algunhas das evidencias da súa procedencia galega.
            recreación do lugar en época de Colón
Gustaríanos que nesta casa, tamén puidésemos facer un percorrido pola biografía coñecida e documentada de antes da viaxe, así como profundar máis na tese galeguista, tese que cada día conta con máis evidencias e partidarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario