domingo, 4 de setembro de 2016

Santa Rosalía non era unha cabuxa


Dito así, parece que esta santa era unha cabeza tola, pero non, Rasalía era unha filla de boa familia, descendente de Carlomagno e que contaba entre os seus antepasados co primeiro rei de Sicilia, por iso seu pai tiña postas nela todas as esperanzas, empezando por empregala como dama de compañía da raíña Margarita de Navarra, casada cun primo seu, e polo que, xa lle tiñan buscado marido entre os galáns da corte, pero ela non estaba por esas. A vida pacega non era o seu, e por iso, cando a súa voda xa estaba acordada, fuxiu do luxo e dos brillos cortesanos para se acoller á paz dunha escura cova do monte Quisquinia, preto de Palermo, arredada do mundo e da xente, onde se dedicou á oración e penitencia ata que Deus quixo levala ó seu lado, cando a moza só tiña vinteseis anos de idade. E aínda que daquela o seu corpo non foi atopado nin soterrado (no ano 1156), a súa memoria quedou na xente siciliana, que a veneraban como a Santiña (a Santuzza en siciliano).
Santa Rosalía en A Veiga (Ourense)
Catro séculos máis tarde, no 1624, durante unha epidemia de peste, os sicilianos acordáronse dela para invocar o seu favor, e foi entón cando unha piadosa muller soubo por medio dun soño, onde estaba a cova que lle servira de refuxio e nela os ósos da santa, asegurando que se se recuperaban o andazo desaparecería. E si, alguén viu uns ósos onde aquela dixera, e ninguén dubidou en atribuilos á santa, expuxéronos na igrexa, pero o andazo continuou. Mais antes que desaparecese a fe na súa Santuzza, apareceu en Palermo un paisano que asegurou ter falado cunha tal Rosalía en persoa, quen lle asegurou que só levando os seus ósos en procesión se erradicaría aquela peste; e así se fixo, os ósos atopados na cova foron paseados por Palermo, e ó seu paso, en cada rúa que obocaban desaparecía o andazo.
Así foi como santa Rosalía pasou a ser avogosa contra a peste e os seus ósos venerados e paseados cada ano.
Urna na que se conservan os supostos ósos.
Pero sucedeu que, xa no século XIX, un naturalista inglés, chamado William Buckland, de fe protestante, cadrou a pasar por Palermo durante a súa lúa de mel, e quixo ver os ósos da santa, pero cando llos amosaron exclamou espantado:
-Pero se estes son os ósos dunha cabuxa.
O enfado do crego que de tan boa fe llos ensinara foi monumental. O inglés foi expulsado da igrexa e acusado de mentireiro, que como ía saber un protestante o que eran os ósos dunha santa. Pero iso si, dede aquela, os ósos de santa Rosalía foron gardados nunha fermosa urna que nunca máis se abriu e permanecen agochados á vista dos devotos.
Con todo, os fieis seguen invocándoa contra as enfermidades contaxiosas e como apoio nos momentos de debilidade ou de dificultades para afrontar algún problema, e represéntase cun crucifixo e unha caveira, como símbolo das penitentes. 
Como queira que sexa, santa Rosalía, como persoa, está documentada é era tan humana como calquera de nós. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario