xoves, 8 de setembro de 2016

SANTA LIBERATA



Por Pepe de Rocaforte
Sobre o tema das placas informativas en edificios, vin hai uns días unha coa seguinte inscrición: “Santa Liberata e as súas irmáns xemeas, Xenebra, Victoria, Eumelia, Xermana, Xena, Marciana, Basilisa, Quiteria e a súa nodriza Sila, virxes e mártires, fillas de Baiona, sufriron martirio durante a persecución do emperador Adriano contra os cristiáns no século I. Santa Liberata foi a primeira muller cristián que morreu na cruz”.
Debo confesar a miña ignorancia, porque a única Liberata que me soaba era Liberata a Branca, esposa do muiñeiro Pedro Rey, violada por Don Pedrito, fillo de Don Juan Manuel Montenegro, cabaleiro a quen ela concedía os seus favores a cambio doutros recibidos polo seu marido (en “Águila de Blasón”, de Valle Inclán). Como a placa estaba na fachada dunha igrexa en Baiona supuxen que debía tratarse doutra persoa e regresei á casa coa idea de buscar mellor información, naturalmente en internet.

Dese xeito souben (e que me perdoe Francisco Vidal a intrusión nun xénero que el domina cen veces mellor) que Santa Liberata, patroa das mulleres malcasadas, era filla de Lucio Castelio Severo, gobernador romano do “noroeste da “Península Ibérica” no ano 122. A nai, Celsia, pariu nove nenas dunha sentada mentres Lucio andaba de percorrido polos seus dominios, e temendo un repudio por infidelidade (?), puxo a rolada nas mans da súa criada Sila para que as afogase no río Miñor.
Sila, cristiá e temerosa de Deus, en vez de afogalas repartiunas polas casas de familias correlixionarias súas, que as fixeron bautizar polo bispo San Ovidio, educándoas na fe cristiá, delito polo cal andados os anos serían acusadas e obrigadas a comparecer a xuízo diante do seu propio pai, quen ó saber que eran fillas súas convidounas a renunciar a Cristo e ir vivir con el a boa vida dos gobernadores romanos no noroeste peninsular.
As mozas negáronse ó cambio e polo tanto foron enchironadas. Puideron fuxir así e todo, pero finalmente serían sometidas ó martirio. Liberata, a máis coñecida, foi condenada á crucifixión, sendo a primeira muller que sufriu tal martirio o 18 de xaneiro do 139, non sei se martes, á idade de vinte anos.
Logo vin outra historia un tanto diferente, pero tamén digna de consideración. Neste caso infórmasenos que Liberata viviu no século VIII e era filla do rei de Portugal (un Portugal, por outra parte, aínda inexistente como tal). O rei prometeuna en matrimonio ó rei mouro de Sicilia e Liberata, non sei se un pouco racista, non quería saber nada do sarraceno polo cal, para non caír na cama do mouro pediulle a Deus ser convertida nun ser repulsivo.
Deus foi magnánimo e escoitou o seu rogo facéndolle medrar un pelo espeso por todo o corpo, dotándoa dunha fermosa e cumprida barba, á vista da cal o siciliano, anoxado, tomou o portante para Corleone ou non sei que outro sitio da súa illa.
Tal feito cabreou moito ó pai da rapaza, quen cheo de ira, mandouna crucificar, sendo a primeira muller condenada a este suplicio, etcétera etc. Para recordar este feito, no ano 1695 foi construída en Baiona unha capela de considerables dimensións, xusto á beira da fermosa e impoñente ex-Colexiata de Santa María a Real. Por outra parte, para completar debidamente a información, debo facer constar  que no ano 1969 a Igrexa Católica tomou o acordo de descanonizar a esta santa, produto sen dúbida da fantasía dun Don Giácomo de la Vorágine calquera.
E cambiando de tema: en relación co meu comentario de hai un par de semanas sobre a triste sorte dos tres atletas gañadores de medalla nos 200 metros lisos da Olimpíada de México, pásanme información da morte, o día 31 de agosto, de Věra Čáslavská, ximnasta checa,tamén triunfadora en México-68, gañadora de sete medallas de ouro e catro de prata en tres edicións dos Xogos, tamén perseguida politicamente pola súa adhesión ó movemento que propiciou a “Primavera de Praga”, e de quen eu nin o nome sabía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario