Non sei a quen se lle ocorreu representar o
mal con rostro tan fero e feo, reunindo no seu corpo todo os atributos que a
relixión pon por maldade, desde a cornamenta dun bruto ata o rabo dun réptil,
pero tamén as uñas pintadas, os ollos con coloretes, de meniña acesamente
vermella e lingua obscena. Ese é o demo, o maligno que sempre persegue á
bondade. E este en concreto é o demo da Mota, en Arzúa. Un demo que fica baixo o
xusticeiro pé do apóstolo Mateu, a quen neste lugar se lle rende culto cada
vinteún de setembro.
Cóntase que cando o evanxelista chegou a
Etiopía para predicar, dous magos que alí había enviáronlle un par de dragóns
para espantalo, o que a relixión popular converte en diaño, pero o apóstolo
lonxe de fuxir agardounos coma quen agarda por un comité de benvida, e cando os
tivo a pouca distancia saudounos facendo o sinal da cruz, co que aqueles
arrepiando de medo ante tal símbolo fuxiron a refuxiarse á cova de onde saíran
coma se fosen dous ratos fuxidizos, por iso, noutra imaxe do apóstolo que se
conserva nesta capela, o patrón dos traballadores de alfándega represéntase
pisando un dragón.
Con todo o santo, tamén chamado Leví segundo
os evanxeos de Marcos e Lucas, foi asasinado cunha alabarda mentres dicía misa
(segundo os haxiógrafos medievais), por negarse a convencer a unha moza
decidida a consagrar a súa virxindade a Deus, para que cedese ás pretensións do
monarca de Hierápolis, que lle ofrecía matrimonio.
E precisamente por ter dado a súa vida en
defensa das verdades do evanxeo contra os endemoñados feitos dos infieis, no
lugar da Mota, algún día viñan os posuídos polo maligno a expulsalo do corpo
entre retorcementos, xuramentos e vómitos de sustancias arrepiantes, e hoxe en
día, séguese pasando por un lugar dentro da capela, presidido polas dúas imaxes
do santo, para combater e prever as enfermidades que poidan vir neste tempo de
inverno que se aveciña, tan comúns noutro tempo como o bocio.
O ritual, consistente na imposición do santo, como se ve neste vídeo,
conleva tamén o feito de pasar, de modo simbólico, o coitelo que lle sirve de
atributo ó evanxelista pola gorxa, para cortar o mal mentres se lle implora co
ensalmo: Santo bendito che quite o
enfermidade e che dea a sanidade, pola virtude que o santo ten, santo bendito,
amén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario