luns, 4 de setembro de 2017

Mulleres sen nome: demasiadas, internas, vellas.



Se quixésemos facer unha versión paralela deste blogue para a vila de Ha Tsuen, no rural de Hong Kong, teríamos que prescindir da sección adicada ao estudo dos apelidos. Seguindo a Rubie Watson, nun artigo do ano 86 titulado  The name and the nameless: Gender and person in chinese society, nesa vila todos os homes teñen un mesmo apelido: Teng. Pero esta nota non vai tratar dese único apelido herdado, xeración tras xeración, dende o século XII, senón dos nomes e, máis aínda, do poder.
            Ao parecer, Ha Tsuen alberga unha sociedade fortemente patriarcal onde nenos e nenas recén nacidos reciben un nome acorde ao poder que o seu sexo biolóxico conleva. Así, os nenos adoitan recibir nomes relacionados con grandes heroes da literatura clásica e as nenas, agravios. “Demasiadas” ou “Pequeno Erro” deveñen nomes correntes para as nenas de Ha Tsuen ate o momento do matrimonio, cando eles pasan a escoller un apelativo a gusto e elas desfanse desa etiqueta despectiva para pasar a un estatus inferior aínda ao de ter un insulto por descripción da identidade: chamaranse nei jen, que significa persoa interna e é idéntico para todas as mulleres que casan na vila. En ocasións pasan a adquirir tecnónimos (“nai de...”, “muller de...”) ou o nome, tamén común, ah po (“muller vella”).
            Fágome unha pregunta: Que é mellor, un nome propio pexorativo ou a negación da individualidade, mesmo da identidade? Inclínomo por preferir a primeira opción. A fin de contas, no noso contexto cultural nomes como “Dores” ou “Soidade” poderían escandalizar a un extraterrestre que nos visitase, mais nós asumímolos como normais e rematamos por despoxalos, no seu uso cotián, do significado literal. E penso que, sexa cal sexa a palabra que terceiras persoas escollan para designarnos, sempre vai ser mellor que a nulidade de ser relegadas á nada, porque non ter nome é exactamente iso: non ser nada.

Adelaida Vidal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario