Por
Pura Tejelo
Hoxe o mar metido nun recipiente de auga
sabíase vermello e salgado.
Ofrecinlle menta do sendeiro e un poema.
Asenteino na mochila
e leveino por riba
da praia
Entre as polas do antigo edificio
quedaban restos do parral que protexía o sol dos
enfermos.
Deixei que remozara a súa memoria
e en silenzo voltamos polo rueiro do antigo lazareto.
Desde o faro
deitou unha mirada de infancia
rememorando o litoral baleiro.
Como cando secou o río
e vimos o monstro
xacente das súas entrañas
robles secos
a canle vedraña do leito
o piar afogado dun paxaro
os nenos perdidos
e a vertixe da
nada.
A lama desfigurada
o refugallo
o arroto da noite
o duro alfinete das follas.
Un barco azul que era cobre
botou o pé sobre o litoral seco
e inclinándose bicou a memoria amada do mar.
(De "A elegancia do século". Ed. Xerais 2017)
(De "A elegancia do século". Ed. Xerais 2017)
Ningún comentario:
Publicar un comentario