É habitual xustificar o
mantemento de determinadas tradicións perversas aludindo ao feito de que son
iso, tradicións. Como se o feito de que un ritual leve celebrándose dende
tempos inmemoriais xustificase por si mesmo a súa conservación. Non é así, a antropoloxía
estuda culturas pero cando estas implican que unha parte da sociedade domine,
denigre ou dane á outra parte, lonxe de velar pola súa conservación, traballa
para transformalas.
A semana pasada, a famosa
festa do Toro de la Vega celebrouse, por segunda vez, sen que o touro fose
torturado ate a súa morte pública. Habitantes de Tordesillas manifestáronse en
contra da prohibición de abater ao animal escudándose, como non, en que o
evento era tradicional. A palabra tradición utilízase así de maneira perversa.
Utilízase a palabra para delegar responsabilidades nuns outros do pasado e
xustificar a propia violencia, a exhibición de dominio en condicións
marcadamente desiguais. É tan absurdo e hipócrita como defender a perpetuación
dos sistemas mafiosos porque son moi típicos do sur de Italia ou a mutilación
xenital feminina porque se remonta a épocas preislámicas.
Neste último caso resulta
especialmente interesante o traballo da fundación Wassu-UAB, que loita pola
erradicación da práctica da mutilación xenital feminina dende o traballo de
campo coas comunidades que a practican. Para a súa directora, Adriana Kaplan, a
comprensión da importancia dos ritos de paso en países como Gambia (onde centra
o seu traballo) é requisito fundamental para poder traballar na prevención
desas prácticas. Así, o seu equipo propón un rito alternativo, coas mesmas
funcións simbólicas pero excluíndo a parte da mutilación. As fases posteriores
do rito mantéñense, e con elas a sensación de pertenza á comunidade e a
confirmación de que a nena foi iniciada na idade adulta, que veñen sendo os
obxectivos últimos da tan perxudicial tradición.
Adelaida
Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario