luns, 13 de novembro de 2017

Infanticidio indirecto, o relato do inevitábel.





            Durante os anos oitenta, a antropóloga estadounidense Nancy Scheper-Hughes realizou unha investigación participante nun barrio de fabelas do estado de Pernambuco, no Brasil. O resultado foi o libro Death without Weeping. The violence of everyday life in Brazil (A morte sen pranto. Violencia cotiá no Brasil). Un dos temas principais do estudo é o infanticidio indirecto.
            Chamamos infanticidio indirecto ao que, lonxe de ser resultado de unha acción directa como a asfixia ou os golpes, acontece pola falta de accións de coidado. En entornos con escaseza de alimentos e auga, os nenos que nacen enfermos ou con algún tipo de malformación son candidatos a sufrir o pragmatismo de investir os recursos (escasos) en quen máis proveito poida sacarlles. Cando isto acontece en familias con exceso de crianzas, a frecuencia da práctica aumenta.
            O estudo de Scheper-Hughes ten unha implicación fundamental, que é poñer en cuestión a universalidade do concepto de apego. O apego é o vínculo que se establece entre as crianzas e as súas coidadoras ou coidadores principais, e ten as funcións de dar seguridade e asegurar a supervivencia das crías.  A cantidade de apego das especies correlaciona coa cantidade de crianzas por parto ou por ovos postos. A máis crías, máis independentes nacen. A menos crías, máis mecanismos aparecen para garantir a súa protección. Algúns deles son a secreción da hormona prolactina nas nais, que activa conductas de coidado; o choro das crías para comunicar cando precisan asistencia ou os ollos enormes que as fan parecer tan tenras. Pero non aparece o apego, segundo Scheper-Hughes nas mulleres pobres das fabelas do emerxente Brasil dos oitenta, un dos países con máis desigualdade social do mundo. Así, a autora cuestiona a teoría (occidental) do vínculo, pois nos seus estudos afirma que moitas nais pobres non mostran apego cos bebés dende o nacemento, senón que nelas aparece uns anos máis tarde, cando o neno ou nena xa sobreviviu ao momento de maior vulnerabilidade. A autora propón que unha alta taxa de mortalidade infantil levou a que as mulleres desenvolvesen un mecanismo cognitivo co que protexerse primeiro da desesperación de non poder cubrir as necesidades das crianzas e, finalmente, de perdelas.
            Non se trata dunha crueldade nunca vista nin que nos quede demasiado lonxe. Aquí ao lado, en Portugal, publicouse no 1875 O Crime do Padre Amaro. Na novela, Eça de Queirós preséntanos á  Tecedeira de Anjos, unha ama de cría á que se levaban os recen nacidos dos que as familias biolóxicas non podían ou non querían ocuparse. Levábanos dicindo que coas crianzas xa se sabe, son tan débiles... que é doado que acaben en anxiños.
            A especie Homo Sapiens tivo a capacidade de crear sociedades hipócritas e desiguais, pero tamén historias e narrativas coas que facelas máis levadeiras.
                                                                        Adelaida Vidal

          

Ningún comentario:

Publicar un comentario