luns, 6 de novembro de 2017

Pode o traxe modificar o texto?



            No ano 1982, Gabriel García Márquez recolleu o premio Nóbel de Literatura vestindo un liquiliqui. Nunha entrevista previa, o escritor contaba que estaba negociando coa Academia Sueca a posibilidade de asistir á cerimonia con unha guayabera pero, en todo caso, o máis importante era o que puidese dicir alí, a oportunidade de ler o célebre discurso La Soledad de América Latina.
            Por que negociaba a súa vestimenta con ninguén? A solemne entrega de premios esixe aos asistentes vestir de etiqueta, o que nos homes implica, cando o acto é nocturno e ten lugar en recintos pechados,  o uso ou ben do frac, ou ben do traxe nacional do país de orixe. No 1913, o bengalí Rabindranath Tagore recolleu o seu Nóbel de Literatura vestido cun dhoti, que ademais de ser a prenda típica dos homes da india, é un símbolo de anticolonialismo, algo que tamén interesa a un colombiano que, para non vestir  frac, esgrime o argumento de que tal conxunto de prendas non é o traxe nacional de ningún país, mais si o de determinada clase social á que el non pertence e contra a que está. Efectivamente, ese traxe de máxima gala comezaron a usalo os homes da alta sociedade inglesa a finais do século XVIII.  
             Así, na citada entrevista, García Márquez falaba de reivindicar a guayabera como traxe dos países caribeños. A orixe desa  camisa non está demasiado clara, pero algúns apuntan a que existía nas Filipinas antes da chegada dos españois e, en todo caso, alúdese a que é unha prenda adecuada para traballar. Traballar é unha palabra clave, porque non é o mesmo contar a historia da América Latina dende unha camisa apta para soportar o calor caribeño que dende o vestido típico da aristocracia colonialista.
            O antropólogo lingüístico Gregory Bateson chama doble vínciulo a un tipo de comunicación paradóxica na que unha afirmación nega en si mesma o que se di. Dicir que non se vai falar, por exemplo. Posteriormente, Paul  Watzlawick define dous niveis na Comunicación Humana: o dixital (o que se di) e o analóxico (cómo se di). Cando hai contradicións entre os dous niveis, fálase de comunicación fracasada. Ler La Soledad de América Latina en frac sería contraditorio e restaría credibilidade non só ao discurso, tamén á propia imaxe do escritor, que igual que a comunicación, constrúese con feitos ademais de con palabras.  
            Ao parecer, a guayabera non puido ser, pero a indumentaria finalmente escollida non deixou de ser un acto de coherente rebeldía, pois o liquiliqui tampouco era, oficialmente, típico de ningures. Trátase de  un traxe rectangular que consta só de chaqueta e pantalón e lévase con alpargatas. É típico da rexión dos Llanos, que abarca parte de Colombia e Venezuela, pero só neste último país e só dende este mesmo ano 2017 é oficialmente un traxe nacional. Por iso, vestilo na solemne cerimonia dos premios Nóbel foi un acto de reivindicación identitaria e insubmisión de clase.

                                                                                                                                     Adelaida Vidal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario