Por
Pepe de Rocaforte
Supoño que os seguidores deste blog
observarían a aparición dunha nova sección, aínda en probas, “Libros na
artesa”, na cal se proxecta a posta a disposición de todo o mundo, en formato
dixital e de forma totalmente gratuíta, de libros galegos publicados no seu día
en papel e na actualidade fóra de circulación. Unha excelente idea de Francisco
Vidal que merece ter éxito porque, como nos suxire o seu título, os libros son
un alimento tan imprescindible, aínda que, dicía Castelao, a súa necesidade non
se sinta no estómago, coma o pan que aínda non hai tanto tempo se amasaba e
gardaba nas artesas para botar man del cando era necesario.
Pola miña parte empecei a lle facer
publicidade entre amigos e coñecidos e tamén, por iniciativa propia, me puxen
en contacto con algúns autores con libros na situación indicada. En principio
os resultados non son tan positivos como esperaba. Un autor con quen falei
explicábame que os seus libros fóra de circulación tíñaos en papel e o traballo
de mecanografalos de novo para pasalos a formato dixital era un labor que o
botaba un pouco para atrás.
Por outra parte, dicía este autor amigo, na
rede pódese chegar a todo o mundo, pero na realidade só se chega ó pequeno
grupo entre o cal nos movemos. Tanto nese mundo virtual como na vida habitual
vivimos dentro dunha burbulla que consideramos aberta ós catro ventos, pero que
en realidade ten uns límites que os alleos á nosa contorna non van traspasar
senón por unha casualidade que poucas veces se dá. Polo tanto, en palabras do
meu amigo, esperar unha maior difusión dos libros por este medio non parece ser
unha idea con moitas probabilidades de éxito.
Con todo vou insistir no meu chamamento, e
non só para que entren vostedes en “Libros na artesa” e, se lle interesan,
descarguen os exemplares que vaian aparecendo, senón para que se alguén dos que
len este blog ten algún libro na situación comentada ó principio e está
disposto a cedelo para a súa lectura gratuíta, o faga coa seguridade de ser
acollido con todo o agradecemento de
quen colaboramos nesta páxina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario