Xulio
non sabe que teima hai en pensar que fóra deste mundo está ó noso
alcance o paraíso da sabedoría, xa sexa porque todos os deuses
teñen algún outeiro arredado para ver sen ser tocados, ou por esa
obsesión tan estendida de estar sempre mirando ó ceo, agardando a
aterraxe dunha civilización superior que nos quite da ignorancia ou
cumpra todos os nosos caprichos por facerlle ben a pelota. E di el
que esta espera non só é patrimonio de crédulos e crentes, senón
tamén de xentes supostamente máis racionais, capaces de analizar
con datos empíricos o que tantas veces xorde en aulas de visionarios
ou nalgún congreso sen patrocinador. E vaia por diante que a min
tamén me gustaría cartearme con algún ET de por aí adiante como
me carteo cos terrícolas, pero xa dixen moitas veces que a día de
hoxe paréceme imposible atopar carteiro. E tampouco sei por que han
de ser máis listos ca nós os que veñan de fóra.
Aló
polos anos sesenta, o profesor Freeman Dyson fixo unha proposta
teórica que saíu publicada nunha das revistas científicas de maior
prestixio, aventurando a posibilidade de construír unha esfera
arredor dunha estrela para almacenar toda esa enerxía súa sen que
esta escape polo universo adiante. A idea, todo un exercicio
físico-matemático, a pesar de estar ben argumentada era tan
fabulosa como irrealizable, pero dábanos unha idea de ata onde podía
chegar a capacidade tecnolóxica tendo medios para iso, algo digno de
calquera película de Ciencia Ficción. O mesmo Dyson, aínda sendo
consciente da inviabilidade de tal sistema, aventurou que algunhas
flutuacións estelares tamén poderían ser debidas a que alguén
cunha tecnoloxía moito máis avanzada que a nosa foi quen de
construír un destes artefactos, que sen necesidade de ser esferas
pechadas senón simples elementos ordenados nun plano esférico
captasen e almacenasen a luz e a enerxía sen desperdicio. E aínda
lle recomendaba ós astrónomos abrir ben os ollos por se atopaban no
firmamento sinais de que nalgún lugar xa estaba construída. Por
iso, hai dous anos, cando alguén notou certas variacións de brillo
nunha estrela na que ata aquela ninguén se tiña fixado, non faltou
quen se apurase a apuntar que tales flutuacións ben podían ser
debidas a algún chupador de enerxía, e esa estrela sen nome pasou a
coñecerse por Tabby en honor a unha das súas descubridoras. E como
a nova era moi atractiva, foron moitas as persoas que sen máis
perspectiva ca ver un extraterrestre chamando á porta da súa casa,
deron por feito que naquel punto do ceo estaban os novos deuses da
tecnoloxía, e así empezou a aparecer nalgúns medios e a ser
aceptado por moitos crédulos.
Ó
final, despois de que outros científicos máis cos pés na terra se
parasen a comprobar datos e facer números, na pasada primavera
concluíron que non había ningún ET chupando a enerxía da tal
estrela, que só eran flutuacións debidas a posibles nubes de po,
cometas ou cousas polo estilo que circulan por diante dela, e sobre a
que seguen investigando, calculadora en man, para aclarar todos os
puntos escuros do fenómeno. Sen embargo, aqueles amigos da fantasía,
negándose a aceptar as conclusións racionais, advertindo que só
eran hipóteses (que polo visto o deles non o é) e procurando
demostrar que alí está a morada dunha civilización superior,
fixeron unha subscrición popular, pola que xa levan recadado máis
de cen mil dólares, co fin de seguir estudiando o caso ó seu xeito
e financiar así a súa crenza e fe nos extraterrestres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario