Por
Pepe de Rocaforte
Véñenme á memoria os
nomes da cantidade de paxaros que na miña infancia cantaban, voaban e aniñaban
polos campos, desde os máis pequenos cuxos nomes recordo: xiríns, carrizos,
maceirotes ou maceiros, pimpíns, ferreiriños, paporrubios; ós un pouco máis
grandes: chascos, escribidoras, azulentas, verderoles, xílgaros, lavandeiras,
gorrións, anduriñas, pedreiros, avións...
Co paso do tempo
empezoume a chamar a atención a súa desaparición paulatina. Dos máis pequenos
deixei de ver case todos, a excepción de carrizos e paporrubios, aínda que
estes en cada vez máis escaso número. Dos un pouco máis grandes resultoume
chamativa a redución do número de anduriñas que raiaban incansables o ceu tanto
no campo coma nos espacios urbanos.
Por aquí, nas miñas
proximidades, o último lugar onde as vin con certa abundancia foi en Betanzos;
pero desto xa hai uns cantos anos. En tempos máis recentes, volveríaas ver en
certa cantidade nalgunhas pequenas localidades de Castela e León, co cal deixou
de me preocupar tanto a posibilidade da súa próxima desaparición. Alegroume
particularmente a cantidade delas e dos seus niños que observei, como poden ver
por unha das dúas fotografías que acompaño, sacada en San Martín del Castañar
(Salamanca).
Agora leo na prensa
que o número de aves en declive se triplicou en España na última década. Vexo
unha información onde se di que o pedreiro se reduciu un 34,43%, mentres a
anduriña perdeu un 24,60% dos seus individuos. Mesmo o gorrión, a ave máis
abondosa, e para min máis simpática, de cantas nos acompañan nas cidades,
baixou un 15%. Por certo non deixa de ser curioso que cando unha aldea queda
abandonada os gorrións desaparecen dela, tan asociada está a súa vida á do ser
humano.
Pero para que non
todo sexan tristezas, deixo constancia de que nestes últimos anos empecei a ver
algúns xílgaros no parque da Torre de Hércules. ¿E que dicir (sen citar pombas
e gaivotas) da cantidade de melros, estorniños, e mesmo pegas rabeláns ou rabilongas,
agora instalándose xa nos espacios urbanos da miña contorna?
E falando xa de aves
máis grandes, hai uns anos chamoume a atención, e xa o comentei aquí, a
aparición de tres cisnes no porto de Santa Cruz de Liáns. Despois dalgún tempo
ese hábitat non os debeu convencer e trasladáronse ó interior da ría, onde a
estas alturas xa levo contado polo menos vintesete exemplares nas proximidades
do Burgo.
P.S. Cando xa tiña
lista para enviar esta colaboración, ocorréuseme buscar a outra na que tratara
do mesmo tema, o cal me fixo ver que repito como as sardiñas en aceite. Mesmo
as fotos son case as mesmas que mandei hai pouco máis de dous anos; pero agora
dáme tanta preguiza escribir unha cousa nova, que deixo ir esta tal e como
está. Perdón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario