Por
Pepe de Rocaforte
Hai cousa de trinta
anos un día chamoume un amigo para tomar un café e falar de algo do que quería
pedirme unha opinión. Xa no café púxome nas mans un libro ó que lle faltaban as
tapas e as oito primeiras páxinas e cun certo aire de misterio díxome: “Tráioche
así esta novela para que, sen ningunha outra información, a leas e me digas o
que che parece”.
Lin a novela e
gustoume. Mentres a lía andáballe a dar voltas a por que ma traería daquel
xeito. ¿Sería el o autor e non quería dicirmo ata eu lle dar a miña opinión
sobre ela?
Rematada a lectura
volvémonos reunir e entón explicoume que boa parte daquela novela a
mecanografara el, cousa de quince anos atrás. Escribíaa un compañeiro seu
durante o servicio militar en Guinea Ecuatorial, daquela colonia española, e
agora, tantos anos despois, levaba a sorpresa de encontrala recén publicada
nunha librería, onde a comprou ó ver na portada o nome do seu compañeiro de
mili. A novela titulábase “La subversión de Beti García”, e o autor era José
Avello Flórez.
Así tiven a primeira
información sobre o novelista asturiano, de quen, en 2001, aparecería a segunda
novela: “Jugadores de billar”, que me entusiasmou. E non só a min: a crítica
tratouna como unha gran obra. José María Merino, outro autor que admiro,
dedicoulle un longo comentario que non me resisto a poñer aquí. É de
xustiza para cun autor case ignorado polo público lector.
Coñecería
persoalmente a Pepe Avello en 2009, e admiroume tanto como persoa como me
admirara a súa curta obra novelística. Coincidimos, como contei a semana
pasada, nun daqueles “Encontros en Mariñán” organizados pola Fundación Carlos
Casares e a Deputación dA Coruña e alí falamos dos tempos da nosa adolescencia, das coincidencias entre a súa terra e
Galicia, de onde eran case todas as orquestras que tocaban alá nas festas,
entre elas os “Trovadores”, na que entón cantaba Pucho Boedo. Da literatura
galega sentía especial aprecio pola obra de Cunqueiro, aínda que poucos autores
máis coñecía. E por aquí viña en moitas ocasións, sobre todo desde que formaba
parte da propiedade dunha bodega no Ribeiro, que lle servía de pretexto para
vir ás súas xuntas e gozar dunha temporadiña anual na nosa terra.
A súa vida tivo
bastante de novelística. Empezou a estudiar Dereito na universidade de Oviedo,
para continuar logo na de Madrid, onde se afiliou ó Partido Comunista e da que
sería expulsado a comezos dos anos sesenta, o que o obrigou a facer o servicio
militar en Guinea.
A Guinea volvería
como xerente da filial dunha empresa francesa de obras públicas e alí viviu a aventura da independencia do país. Non teño claro se antes ou despois montou en Asturias unha granxa de
vacas e andou a repartir o leite polas vilas da contorna de Cangas del Narcea,
negocio que seica non lle marchou alá moi ben. Finalmente acabou como profesor
na Universidade Complutense.
Conto todo esto
porque a semana pasada, cando buscaba en internet unha fotografía súa para
ilustrar a miña colaboración, o señor Google informoume de que José Avello
Flórez morreu hai dous anos.
E eu sen enterarme
ata hai sete días. Vai para el, con este atraso, o meu recordo e o propósito de
volver ler axiña, tanto “Jugadores de billar” como “La subversión de Beti
García”, da cal por certo el me comentou o dobre sentido da “subversión” do
título.
Ningún comentario:
Publicar un comentario