luns, 20 de novembro de 2017

Infanticidio directo: protexer a honorabilidade.



    



            A semana pasada coñeciamos o traballo de Nancy Scheper-Hughues sobre o infanticidio indirecto, aquel que resulta da omisión das accións de coidado que as persoas adultas adoitan realizar cando teñen unha crianza a cargo. Nesta ocasión abordaremos un caso particular de infanticidio directo. 
            No ano 2003, unha rapaza de dezanove anos, Romina Tejerina, asasinou á súa bebé recen nacida. Seguindo o seu relato, foi violada por un veciño e, lonxe de denuncialo, ocultou primeiro a agresión e, despois, a gravidez. Só no momento do parto contou co apoio da súa irmá. Antes, por vergoña, non tivo acceso a consellos nin a revisións médicas. Pariu no cuarto de baño, pensaba que ía defecar e apareceu a bebé. Parece que o mesmo coitelo serviu para cortarlle o cordón umbilical e para apuñalala. Os feitos aconteceron na provincia arxentina de Jujuy e parte da repercusión do caso debeuse a que, cando o crime foi xulgado, non se recoñeceu o atenuante de ser cometido para ocultar a aldraxe. Cando o lin, a mención de tal posibilidade no século XXI resultoume asombrosa.


            Ao parecer, ate o ano 1994 existía en Arxentina o delito de infanticidio. Este delito referíase ao homicidio que unha nai cometía contra a súa crianza no período do postparto, e era un delito menos grave que calquera outro homicidio, pois entendíase que a honorabilidade social era unha calidade demasiado importante como para non protexela. Era lóxico que a muller que paría un fillo bastardo quixese desfacerse de tal signo de deshonra, e a xustiza, comprensiva, aplicaba unha pena de entre tres e seis anos de cadea. Pero nos anos oitenta considerouse que a situación mudara bastante dende os tempos nos que as mulleres se vían abocadas a ocultar violacións e deslices e, despois de algúns vaivéns, a figura quedou derrogada. Por iso,  no ano 2003 o homicidio dunha crianza era un homicidio como calquera outro e, no caso que nos ocupa, con un agravante por vínculo que impuxo a Tejerina a pena da cadea perpetua, da que finalmente cumpriría nove anos.
            Adoita dicirse que a xustiza debe ir por diante da sociedade e, certamente,  considerar a protección da honra un atenuante é lexitimar non só o concepto de honra, tamén a vinculación extremadamente perniciosa, entre a honorabilidade de unha muller e a súa sexualidade. Nesta concepción o impedimento de gozar libremente do sexo non é suficiente, a muller é tamén responsábel das agresións que reciba dos outros. A lexislación camiñou ao ritmo de certa parte da sociedade: a que denuncia as violacións, ten acceso ao aborto ou sabe que contará con apoio se decide facerse cargo dunha crianza non planificada. Pero non todos os grupos sociais camiñan ao mesmo ritmo, e a primeira vítima da historia, a rapaza violada, calou e vestiu roupa ampla durante os meses da gravidez.
             Como outras tradicións que deben desaparecer, o atenuante de protección dunha honorabilidade baseada no machismo e na vergoña non ten cabida na lexislación de ningún país democrático. Cando Scheper-Hughues fala do infanticidio indirecto, ensínanos a comprender que a desigualdade social é un dos factores culturais máis potentes á hora de determinar o pensamento e a maneira de resolver os problemas. O seu libro, alén de servir como recompilación de curiosidades, achéganos á comprensión do comportamento de comunidades que, de outro xeito, xulgaremos en base ás nosas propias circunstancias e á nosa propia moral.
                                                Adelaida Vidal

Ningún comentario:

Publicar un comentario