luns, 27 de novembro de 2017

Slam Poetry



                                       
     
            Un Poetry Slam non é como as regueifas nin como as pelexas de galos do rap, porque cada participante é independente dos outros: non se responden entre eles, non é un debate elocuente arredor dun tema común. Tampouco é como a Palabra Falada porque, entre outras cousas, un Poetry Slam é un combate.
            A idea naceu en Chicago no ano 1984. Hai algo de confusión de datas porque o formato foi variando ate o que coñecemos hoxe en día: cada poeta (slammer) dispón de un máximo de tres minutos para dicir o seu texto, que debe ser propio. Non pode disfrazarse nin subir ao escenario con obxectos ou instrumentos. Despois de cada actuación, o xurado, formado por cinco membros do público escollidos ao azar, levanta unha lousa coa puntuación. Puntúase do un ao dez, descártanse a nota máis alta e a máis baixa e súmanse as tres do medio. O resultado é a puntuación do slammer na primeira ronda, e os catro que consigan as mellores cifras pasan á segunda, que é exactamente igual pero, quen a gañe, será o gañador ou gañadora do combate. 
            Marc Smith, o ideólogo, comenta que foi acusado tanto de denigrar a poesía ate niveis de comedia televisiva como de devolvela á xente. Pode que por iso, a tradición sexa que el se presente, “son Marc Smith”, e o público lle devolva a coro un indiferente “e que?”. É dicir, el é un participante máis, non ostenta a cátedra de inventor ante o que reverenciarse. Pero falar de “xente” é un pouco como non dicir nada. A quen se refire a palabra “xente”?. Dada a indignación de algúns profesores de literatura, “xente” debe significar todas as persoas que non pertencen á elite académica pero queren comunicarse mediante a poesía. Quen vive da construción ou da carga e descarga e, con todo, atrévese a ser poeta: non cantante de rap, que lle estaría permitido, non. Poeta. E tal impudencia, segundo conta Smith neste vídeo, debeu enfadar bastante a quen ostentaban a condición de donos e señores da poesía. 
            “Por suposto, agora vai todo ao inferno. Non podo escoitar a eses poetas de slam, non só é estúpido, é a morte da arte”, lamentouse Harold Bloom, eminente crítico literario, experto en Shakespeare, profesor de Yale. Outros afamados poetas, relata Smith, utilizaron palabras como carnaval, karaoke ou sitcom para referirse ao evento. Imaxino que non soportaron a idea de que unha panda de punkies os destronase do seu propio micro-mundo, de que operarias de fábrica se puxesen a mesturar poesía con espectáculo, a gravar en audio e non en tinta os seus poemas, a romper coa cadencia monótona dos recitais tal e como se fixeron toda a vida. Non recitan como os profesores, non declaman como os eruditos: din, falan, contan; en verso, en metáforas, en repeticións. 
       Aquí, como mostra, o gañador das dúas últimas edicións do Poetry Slam Barcelona.

                                                            Adelaida Vidal

Ningún comentario:

Publicar un comentario