xoves, 2 de novembro de 2017

PRINCIPIOS FASCINANTES



Por Pepe de Rocaforte 
Lin hai algún tempo un artigo no cal o autor daba unha relación dos principios de textos novelescos “que máis o inquietaran”. A relación empezaba con “Ana Karénina(Todas as familias felices se parecen) e seguía con “Historia de dúas cidades” de Dickens, “Malone morre”, de Beckett, “O estranxeiro” de Camús, etcétera, ata dez ou quince títulos. 
Vólveme á memoria aquel artigo ó relerOs sete mensaxeiros”, de Dino Buzzati, que empeza así: 
«Téndome posto en camiño para explorar o reino do meu pai, voume afastando día a día da cidade, e as noticias que me chegan dela fanse cada vez máis raras. 
»Empecei a viaxe pouco despois de cumprir os trinta anos, e xa transcorreron máis de oito; exactamente oito anos, seis meses e quince días de camiñar ininterrompido. Partín coa crenza de que me sería doado chegar ós confíns do reino; constantemente funme atopando con xentes e países distintos; e en todas as partes, homes que falaban a miña mesma lingua e se declaraban súbditos meus». 
Quen queira proseguir coa lectura deste inquietante relato pode continuar pulsar aquí e gozar con esa escrita que se vai desenvolvendo con suavidade, avanzando de maneira case insensible por un camiño sen obstáculos ata que nun momento determinado o lector se decata de estar introducido nun espacio ilimitado do que busca os confíns intuíndo a imposibilidade de atopalos, porque nese mundo onírico xa non hai límites. Arredor de si, o lector só encontra o baleiro e o estrañamento. Pouco e pouco, de vagar, apodérase del a realidade intanxible do irreal, ou do surreal, sempre co presaxio de algo indefinido e inquietante que nunca chega a concretarse. 

E agora decátome de estar deixándome levar pola memoria a outro título de Buzzati, “O deserto dos tártaros”, do que xa tratei aquí, polo cal considero prudente non repetirme. So aconsellarei, unha vez máis, a lectura, ou relectura, deste gran autor do século XX, hoxe un tanto esquecido de maneira inxusta. 
Eu tamén acabo de facer unha relectura e vin agora algo no que ata hoxe non me fixara: o conto de BuzzatiO capote”, incluído en “Os sete mensaxeiros” seméllame ser o mesmo, con lixeiras variantes, con que se abre o libro de contos “Co medo nas mans”, de Xosé Fernández Ferreiro. Outra volta á miña vella teima sobre o plaxio e a coincidencia, que canto máis un le, maior alimento atopa. 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario