Por Pepe de Rocaforte
Hai xa uns anos un bo amigo meu, o desafortunado poeta
Jaime Vaello, despois da negativa doutro poeta a prologar o seu libro (ata hoxe
inédito) “Adeona”, coa desculpa de non ter entendido os seus versos, escribía
un “Prólogo para apartarme de la incomunicación de la palabra por la palabra”,
onde reflexionaba sobre as dificultades do entendemento interpersoal por medio
da fala.
Eso tróuxome o recordo dun daqueles desaparecidos
“Encontros en Mariñán”, onde se falaba sobre a orixe do pensamento. Un dos
participantes, Gonzalo Navaza se non lembro mal, expoñía unha hipótese sobre as
orixes da linguaxe, ilustrada cunha historia na cal dous cazadores camiñaban con
cadanseu cervo ás costas despois dunha xornada de caza. De repente aparecía
unha fera (un lobo tal vez) no alto dunhas pedras e botábase contra eles, quen,
para salvar a vida, guindaban ó chao as pezas cazadas e fuxían por onde mellor
podían.
Algún tempo despois volvían ambos cazadores doutra
proveitosa cazata e ó pasaren polo lugar onde en anterior ocasión lles
aparecera o lobo, un deles empezou a articular uns sons ó tempo de sinalar cara
o alto das penedas e guindar ó chao a súa peza para a seguido botar a correr,
acción inmediatamente imitada polo compañeiro, temeroso dunha suposta nova
aparición da fera.
Perdidos de vista un cazador do outro, o primeiro, o que
“falara”, volvía atrás e apañaba para si o seu cervo e o do compañeiro. Así
máis ou menos comezou a fala.
Neste punto José Avello pediu a palabra para apuntar a
posibilidade de a escritura ser anterior ó nacemento da linguaxe. O novelista
asturiano aumentáballe un detalle ó relato de Navaza: cando aquel día pola mañá
os cazadores saíran a cazar, un deles descubriu na area a “escrita” marcada
polos pezuños dunha parella de cervos. Mostroulla ó seu compañeiro, quen
inmediatamente soubo ler e interpretar a mensaxe. Esta posibilidade, confesaba
Avello, tomáraa prestada de Jacques Derrida, non se lle ocorrera a el. (A
hipótese de Gonzalo Navaza, e a historia con que a exemplificaba, tampouco era
propia, pero non lembro de quen a tomara).
Contáballe este caso hai un par de días a Xabier Docampo
quen, deixando de lado as pegadas dos cervos e o ouveo do lobo, expoñíame outra
suposición: dun xeito ou outro, aqueles cazadores foran os iniciadores da
comunicación por medio da fala, pero o motivo fora a necesidade de lle explicar
á xente que ficara á súa espera arredor do lume nocturno as aventuras en que se
viran envoltos durante o tempo botado lonxe do poboado.
E seguro que sobre o tema aínda ha de haber moitas
hipóteses máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario