Por
Pepe de Rocaforte
Infórmame un amigo do
falecemento de Arturo Baltar, sucedido xa o pasado 18 de decembro. O
aburrimento que me causa a lectura de xornais é culpable de me chegaren con
tanto retraso as noticias, aínda que habitualmente tampouco é tanta a perda que
tal retraso me ocasiona. Neste caso, por exemplo, o artista ourensán tivo para
min preto dun mes máis de vida, pouca cousa para un home multicentenario coma
el, pero algo é algo.
Non recordo ter visto
nunca a Arturo Baltar. O seu aspecto
físico érame descoñecido (1), aínda que a voltas coa memoria creo lembrarme de
ver unha foto súa en “La Región” hai xa moitísimo tempo, ilustrando unha
entrevista na que confesaba ter cincocentos anos, situando a data do seu
nacemento alá por tempos dos Reis Católicos ou cousa así.
Pero se en persoa non
o vin nunca, a súa obra vina e admireina nunhas cantas ocasións, unha das
últimas nunha ampla mostra feita na Casa Simeón de Ourense, non me acordo agora
en que ano.
Tampouco lle podo
poñer data á primeira vez que visitei unha exposición súa. Debeu ser alá a fins
dos anos cincuenta ou principios dos sesenta do século pasado, a celebrada no
claustro do Museo Arqueolóxico de Ourense, institución dirixida naquel entón
por don Xesús Ferro Couselo.
Desa exposición
lembro, entre outras cousas, a iluminación das figuras feita con candiles
antigos propiedade do museo. E gardo sobre todo a impresión producida por
aquela fermosísima colección de figuras de barro, que me levou a escribir un
poema en verso sumamente libre ou, tal vez mellor dito, en “prosa poética” ó
estilo das versións ó castelán de Rabindranah Tagore feitas por Zenobia
Camprubí, que eu amaba (e imitaba) naquel tempo.
A miña última visita
á obra de Baltar fíxena na antiga capela de San Cosme e San Damián, onde
despois de admirar o seu famoso nacemento, botei un tempiño de conversa co mozo
que atendía o local, quen me contou unha reste de anécdotas e afeccións do
escultor, entre elas a de paseante incansable, que comparto.
Aquel mozo díxome que
o Nacemento de Baltar permanecía aberto todo o ano, pero agora nas informacións
que acabo de repasar observo que volveu cerrarse, para abrir só polo Nadal, Fin
de Ano e Reis. Unha perda para quen nos achegamos a Ourense noutras épocas do
ano. ¿Tanto custaría ter aberto a diario, anque só fose durante un pequeno
espacio de tempo, a capela da praza de San Cosme co Belén que lle dá sona?
(1) Acabo de ver en internet unha boa reste
de fotografías de Baltar e xa me podo facer unha boa idea do seu aspecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario