Di
Xulio que hai certas semellanzas entre aqueles escravistas doutro
tempo e certos donos de animais (cando son amos e non protectores),
que asemade teñen as mascotas para adorno, ofensa ou xoguete, e non
para redimilas dun mal estar ou para usar os beneficios que aportan
sen abuso nin imposición; verdadeiros escravistas que, cando xa non
lles cumpren as súas expectativas, xubílanas para que outros as
aturen, abandónanas lonxe da casa ou sacrifícanas coa hipócrita
desculpa de evitarlle unha longa agonía.
Di
Xulio que se facía necesario lexislar en pro desta especie de
escravos multiservicio, destes animais convertidos en damas de
compañía, obxecto de ornamento ou submiso recadeiro, pero tamén
matón descontrolado ou caprichoso abusón segundo o gusto do seu
amo, porque as mascotas aínda non foron liberadas da escravitude, e
por unha galleta que lles dá diarrea son quen de lamber o chan que o
seu amo pisa e cando non o fan son zorregadas ata a extenuación.
Pero
tamén di Xulio que, se ben se facía necesario liberar a eses
mastíns que pasan a vida atados ou castigar a quen os usa en pelexas
e festas pouco dignas, tamén era necesario evitar os degradantes
espectáculos circenses, a arrepiante imaxe dunha fera metida nunha
gaiola a base de lategazos, ou mesmo contra quen fomenta a creación
de colonias de animais sen control, co fin de evitar a proliferación
de gatos salvaxes alimentados por quen crendo que fai un acto de
caridade está fomentando a propagación de pragas, evitar que andar
pola rúa sexa un viacrucis de obstáculos en forma de excrementos ou
que as mascotas se convertan en agresiva arma contra os transeúntes.
E non porque o dixera o meu amigo, acabouse aprobando unha lei que en
case cincuenta artigos pretende regular o trato que lles damos,
evitarlles a tortura, prever a negación da súa condición ou
arredalos do seu medio, todo iso que non é menos inhumano anque non
sexan humanos. Toda unha serie de regras que agardemos sirvan para
poñer orde entre quen confunde o amor ós animais co desprezo ós
humanos.
Porque,
segundo Xulio, isto de outorgar roles impropios, anque o chamen
adestramento, mansedume ou educación, con larpeirada de por medio,
vén sendo o mesmo que impoñer condicións, con premio ou castigo
segundo o caso. Artimañas de mal amo. E que alguén teña un caniche
para recibir mimos, non significa que teña dereito a darlle unha
vareada cando non se amosa submiso ou non vaia correndo a recoller a
pelota que lle botamos entre as silvas. Escoller un can pola raza e
logo adulterar a súa forma física a base de bisturí ou macheta non
é tratar ben ó animal, e deixar que o can faga as súas necesidades
en plena beirarrúa ou moleste a tranquilidade dos transeúntes é
tratar mal ós teus conxéneres. Pero tamén –segue opinando
Xulio-, tourear a un boi bravo, cravarlle ferros e facer con el un
espectáculo de sangue e tortura é moito máis punible ca meter a un
león nunha gaiola ou facer danzar a un elefante sobre unha banqueta.
E sen embargo esta lei, que se di tan xusta, non di nada en defensa
dos touros nin contra as touradas. Porque se ben son moi humanitarias
ou animalarias, ou como se diga, moitas das cousas que nesta lei se
propoñen, as touradas, as torturas máis macabras que se fan hoxe en
día no mundo, seguen impunes. Que por certo, neste noso país, agás
contadas ocasións, non teñen grande éxito nin sequera para velas
por televisión. Un espectáculo indigno de calquera pobo que se diga
civilizado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario