Por
Pepe de Rocaforte
Esta lectura tróuxome á memoria
outra páxina, esta escrita por min hai anos nun proxecto de libro que durme
coma tantos outros o sono dos xustos. Falaba de Sines, en Portugal, e dicía:
“No interior do recinto murado (do castelo) ofréceselle ó despistado visitante
unha explanada deserta, catro árbores de sombra escasa e un delicioso museo onde
se exhibe unha idílica familia de alces disecados, varios exemplares, tamén
empallados, da fauna local e unha colección de cunchas mariñas, a maior parte
delas co arrecendo exótico das costas de Mozambique, onde o mariñeiro (ou
funcionario das colonias) que as doou cumpriría no seu tempo servicio á
república corporativa de antes do 25 de Abril”.
Levo falado aquí de moitos museos: o
da Emigración, en Nova York, o dos Oleiros, en Santa Cruz de Liáns, o do Monte
Santa Tegra, na Guarda... E visitei outros máis, algúns tan curiosos como o
Museo Fournier de Naipes, en Vitoria, ou o Museo Interpretativo del Duero, en
Hinojosa de Duero, onde hai unha gran maqueta con trens eléctricos en
funcionamento, reivindicativa da antiga liña férrea que por alí pasaba camiño
de Portugal, que sirve de entretemento ós visitantes, ó lado dunha innovadora
mostra de teléfonos móbiles, demostrativa de que en todas partes hai
imaxinación para estar ó día en materia expositiva.
Por
xunto ó Museo da Tortura, ou Museo da Inquisición, creo que hoxe desaparecido,
en Santillana del Mar, pasei máis de vinte veces, pero nunca me atrevín a
entrar, por medo a deprimirme. Outro case impensado museo, o das Relacións
Destruídas, en Zagreb, pareceume sumamente orixinal e interesante (tamén del
falei aquí). E teño información dunha
“Biblioteca de Orixinais Rechazados”, en Vancouver, que debe contar con
material abondoso, o cal animará ós escritores á visita por aquelo de “mal de
moitos...”
Pero
despois de ler “O museo da Inocencia”, de Orhan Pamuk, quédome case sen fala
diante da exhaustiva relación de museos estraños e curiosos visitados polo
autor turco en todo o mundo. Ata el mesmo inaugurou en Istambul, en 2012, o seu
propio “Museo da Inocencia”. Cando por alí andei aínda non existía tal museo,
pero diante das informacións que do seu contido dá Pamuk, creo que tampouco me
animaría a visitalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario