xoves, 18 de xaneiro de 2018

OUTRA VOLTA POLOS MUSEOS CURIOSOS



Por Pepe de Rocaforte


            Un medio parente arxentino andou estes días percorrendo España á busca de información sobre os seus antepasados e, á vista do que escribín a semana pasada, mándame unha foto da porta da “Casa Museo Miguel Pellicer”, en Calanda. Seica non puido visitala por estar pechada, pero quen queira saber algo do seu milagroso contido pódeo ver na wikipedia.


            Outro amigo pídeme máis datos sobre os museos visitados por Orhan Pamuk en todo o mundo. Son unha cantidade enorme, pero para compracelo dareille un rápido repaso.
            Segundo o escritor turco, detrás de toda a sabedoría da civilización encóntranse os museos. A el interésanlle as coleccións que ninguén se molesta en visitar. Nunha xira de preto de seis meses polos Estados Unidos seica visitou douscentos setenta e tres museos, entre eles o da Tecnoloxía Xurásica de Los Ángeles, o Museo Ava Gardner, de Smithfield, en Carolina do Norte, a colección de latas de refrescos e cervexas do Museo de Envases e Publicidade de Bebidas, preto de Nashville, o Museo da Traxedia na Historia Estadounidense, en St. Augustine, Florida, onde está o Buick de 1966 no cal morreu Jayne Mansfield. Ou o Museo das Luvas, en Manhattan, que lle fixo lembrar o Museo Sentimental, dentro do Museo Frederic Marés, de Barcelona, con prendedores de pelo, chaves, abanos, frascos de perfume, colares e bolsos.
En París visitou o Museo de Edith Piaf; o Museo da Prefectura de Policía; o Museo Jacquemart André; o Museo de Correos; o Museo do Servicio de Obxectos Perdidos; o Museo do Tabaco; o Museo Nissim de Camondo, un levantino de orixe estambulí; a Casa Museo de Maurice Ravel, onde se emocionou diante do cepillo de dentes do compositor, as súas cuncas de café, os seus bonecos, os seus xoguetes, unha gaiola de ferro cun reiseñor tamén de ferro que cantaba... O Museo Gustave Moreau visitouno simplemente porque Proust menciona con aprecio a ese pintor. No Museo da Vida Romántica pasou moito tempo diante do mecheiro de George Sand, das súas xoias, dunha crecha de cabelo grampada nun papel...
            Tamén en Francia visitou o Museo de Cazelles, preto de Lyon, unha antiga fábrica de chapeus, onde admirou a súa colección de sombreiros de home e muller. O Museo do Perfume, en Grasse, no cal pasou outro día completo. O Taller-Museo de Cézanne, en Aix-en-Provence. O Museo do Tempo, en Besançon, con impresionantes reloxos silenciosos. O Museo Marcel Proust, en Illiers-Combray, etc.
            En Agrigento, Sicilia, estivo na Casa-Museo de Pirandello. En Calcuta visitou o Museo Tagore. En Helsinki estivo no Museo da Cidade, que lle deu ideas para a súa propia galería con, entre outras, unha boa colección de frascos de medicinas (No seu “Museo da Inocencia” Pamuk expón baixelas, cuberterías, menciñas, unha colección de saleiros reunida ó longo de oito anos...)
            En Stuttgart, no Württemberg Landesmuseum, tamén sacou ideas na súa colección de barallas, aneis, colares, xogos de xadrez e óleos. No Museo Histórico de Goteborg sentouse a ver con calma porcelanas e pratos traídos pola Compañía das Indias Orientais. A Brevik, en Noruega, foi só por ver a oficina de correos tres veces centenaria, o estudio de fotografía e a vella farmacia, alí expostas. En Trieste visitou o Museo do Mar. En La Ceiba, no Caribe, foi ver o Museo de Insectos e Bolboretas. En China visitou o Museo da Medicina China, en Hanzhou.  En Amberes, no Museo Rockox, comprendeu que no interior das casas pequenas e silenciosas se incrustan os obxectos do pasado coma se fosen a súa alma.
            En Viena visitou o Museo Freud. En Haarlem, Holanda, admirou a colección de minerais e fósiles do Museo Tyler. No Museo das Cousas, en Berlín, decatouse de que con intelixencia e sentido do humor pódese reunir de todo. No Museo Dostoyevski, de San Petersburgo, fíxolle gracia que a única peza auténtica era un sombreiro, ó lado do cal unha nota dicía: “Pertenceu realmente a Dostoyewski”. E na mesma cidade descubriu que o Museo Nabokov está ubicado nun local onde na época estalinista  estaba a Oficina da Comisión de Censura.
            Aquí deixo a cousa, porque hai para todos os gustos e se continúo non vaia quedar espacio para ninguén máis. E non pode ser así.

Ningún comentario:

Publicar un comentario