Algo tan doado de
comprender como é a procura da fama, deses cinco segundos de gloria que fan
pasear polos platós a todo tipo de personaxes que acoden coa única pretensión
de sacar unha expresión de asombro polo que fan ou din, está tan estendido que xa
non nos sorprende. O afán por converterse en líder, en diferenciarse do resto
sexa como sexa, abrangue a ricos e pobres, a nenos e maiores. A eterna
aspiración a que nos dean palmadiñas nas costas é tan humana que a ninguén lle estraña
que haxa xente que sen medo ó ridículo expoña o seu careto ou se preste á
entrevista máis disparatada diante dunha cámara de televisión, e o caso é que
hai un público cada vez maior para ver e gozar dos apuros dun tipo que por non
saber quen era Amenofis IV é apoupado, ou como un pretendente feo é rexeitado e
insultado pola raíña do baile cando lle pide a man publicamente, e aínda o
aplauden e suben a cota de audiencia.
Así é o espectáculo,
pero como isto non chega, porque cada vez hai máis candidatos á gloria e os directores
de casting non dan abasto para
acoller tanta variedade e vaidade, os procuradores de fama botan man da
Internet, o medio máis ó alcance de todos e que non necesita unha selección
previa, co único afán de converterse nunha estampa viral, por ver quen fai a
burrada máis grande. Xa pasou a moda de darse un baño no mar e gravalo para a
rede ou botarse un caldeiro de auga pola cabeza. Tamén chegou ó seu fin
(espero) aquela salvaxada da “Balea Azul”, no que os xogadores habían de superar
unhas probas a cada cal máis absurda e perigosa, ata acabar na número cincuenta
en que se propón o suicidio do xogador. Evidentemente o gañador non é quen
chega ó final.
Agora, un amigo
fálame dun novo xogo que se está estendendo pola rede e atenta contra a saúde
estomacal e vital dos desafiantes, consistente e comer cápsulas de deterxente e
logo publicar o desafío na rede polo simple pracer de amosarse, de desfrutar da
fama de ser visto por un grupo de Followers
que o aplaudan, por sumar cariñas sorrintes e erectos dedos gordos, agora que
estes símbolos son máis valorados que as pesetas de prata. Son xogos propios da
incultura anque abundan na adolescencia, como aquela carreira de coches que
vimos nalgunha película onde había que frear o máis cerca posible dun
precipicio. Unha demostración de que nesta idade, o adolescente séntese
inseguro e trata de vencer esa inseguridade facéndose notar á conta do máis
insensato risco, procurando o aplauso, a fama ou visibilidade da súa fazaña.
O perigo destes
comportamentos está precisamente nesta idade en que se tende á impulsividade, a
mesma idade que os cazadores de adeptos a pseudorrelixións, agrupacións delituosas
e terroristas procuran, precisamente por ser a idade máis vulnerable e
arroutada, a mesma na que a persoa se debate entre o querer e o non poder, en
que sente a necesidade de amos ar a súa valía, a súa singularidade e a súa
maioría de idade. Un xogo este das cápsulas sobre o que as grandes difusoras de
internet pretenderon evitar a divulgación, máis con pouco éxito.
E para prever estes
casos non basta a atenta mirada dos pais, o control dos ordenadores ou a
visualización das páxinas en que se meten os adolescentes, pois está demostrado
que os rapaces máis propensos a seguir estas destrutoras modas son aqueles que
senten a carencia de valores, aqueles que non teñen exemplos de conducta en que
espellarse. Os que carecen dunha cultura que lles dea seguridade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario