Por
Pepe de Rocaforte
Volvémonos ver envoltos nestes días
nas reviravoltas arredor da constitución do goberno catalán, algo que me fai
pensar en Michel Ende e a súa “Historia interminable”. Pero, por Deus, non
quero falar deso, xa hai xente abondo e con moito mellor, e maior, coñecemento
de causa, para tratar do asunto.
O que pasa é que o tema tróuxome á
cabeza outra cuestión á cal se me ocorreu chamar das Virxes Nacionalistas. Ou
tal vez resulte máis explicativo: “das Virxes belixerantes no referente ás
relacións entre países fronteirizos”.
Vén ó caso que así como os cataláns,
polo menos os independentistas, non queren ser españois, aquí ó lado, en
Portugal, temos á Virxe do Almortão, que segundo nos informa Jose Afonso,
tampouco quere ter nada que ver (e neste caso puntualiza máis) cos castellanos.
Nesa peza, de letra e música
popular, cántase:
Senhora do Almortão,
ó minha linda raiana,
virai costas a Castela,
não queirais ser castelhana.
E agora que a transcribo decátome de que quen fala non é
a Virxe, senón o devoto cantor. A Senhora do Almortão, prudente, non di nin si
nin non, o cal tamén podería interpretarse como “quen cala, concede”.
Outro
caso, este que non ofrece ningunha dúbida, é o español, no cal se nos informa
de maneira inequívoca do pensamento da Pilarica, quen por certo foi pioneira
nunha forma de expresión da santidade na que acadaría o punto culminante o
chamado San Simeón (ou Simón) Estilita. A Virxe aragonesa seica se expresaba
así:
La Virgen del Pilar dice
que no quiere ser francesa,
que quiere ser capitana
de la tropa aragonesa.
Así
de claro. E fai moi ben esta Virxe, porque os franceses xa teñen a súa en
Lourdes, que aínda tratándose da mesma persoa, gasta outro look e semella máis milagreira.
Agora, como sucede case sempre, unha cousa lévame a
outra: ó caso das mulleres que coa súa intrepidez superan en valentía ós homes
e lle dan a volta a situacións de previsible derrota militar, converténdoas en
vitorias heroicas, caso de María Pita ou Agustina de Aragón. Pero esto será
mellor deixalo para outra ocasión máis ó caso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario