luns, 22 de xaneiro de 2018

Un mestre con oficio



          
     A verdade é que nada máis ver esta lápida dixen que era a dun carpinteiro de ribeira, baseándome para iso nos atributos que porta o finado ou no que interpretaba que eran, na man dereita o aixó, con empuñadura que se axusta á man, porque esta é a ferramenta que se usa para desbastar e darlle a forma curva ás pezas que forman unha embarcación, e na outra a corda cos nós, que aparentemente se sitúan en distancia de unha cuarta, o sistema de medida que soen usar (entre outros) os carpinteiros de ribeira, que aínda hoxe en día definen as súas embarcación por cuartas para falar do tamaño. Logo soubemos que esta lápida dátase na segunda metade do século XVI, segundo nos informa o director do museo do Mar de Vigo, e que estaba no desaparecido mosteiro de Cálogo, en Vilanova de Arousa, unha vila que por esa época era un lugar de moito tráfico marítimo e de puxante industria pesqueira, co que gañábamos puntos a favor da nosa tese, pero como é sabido, unha opinión non é lei nin conclusión.
     A ferramenta que porta, non está moi ben definida, e tamén pode ser unha maza, e polo tanto o finado un albanel, canteiro ou mesmo carpinteiro; sexa como sexa, esta lápida pertence a un obreiro, seguramente un profesional de alto rango entre os dos gremio, moi famoso, ben relacionado e ben pagado para poderse costear tan fermosa lápida, pero un obreiro que traballaba coas mans e non se avergoña de deixar constancia do mesmo para a posterioridade; á fin, que na hora da morte puido igualarse ós nobres segundo concluímos á vista da rica e detallada lápida, pero sen renunciar a ser quen era.

Ningún comentario:

Publicar un comentario