xoves, 29 de marzo de 2018

IN VINO VERITAS


Por Pepe de Rocaforte
Hai anos, na Coruña, subindo da Gaiteira para Os Castros, se non me engano, había unha taberna que ostentaba na súa fachada un rótulo co nome do local: “Los Peores Vinos”. E parece que tal título non lle escorrentaba a clientela, pois o negocio funcionou durante bastantes anos.
Acordeime desa desaparecida taberna coruñesa cando vin estoutro cartel, cuxa fotografía acompaño, no cal os responsables do local confesan e aconsellan: “Temos o peor vermut do mundo. Próbao”. E supoño que, por se acaso, algunha (ou moita) xente probarao.
Polo que ten de humorístico tamén lle tirei unha foto a outro cartel nun bar da mesma localidade: “Necesítanse clientes, non fai falla experiencia”. En fin, que os propietarios non son esixentes, aceptan sen problemas a todo canto bebedor lle entre pola porta.
Finalmente, o tema tráeme á memoria certa ocasión en que nos atopabamos en Bilbao o amigo Xan Cadaval, que en paz descanse, e mais eu. Cadaval era partidario de tomar, en cada localidade que visitaba, as bebidas propias do lugar. Con tan encomiable propósito endereitámonos para As Sete Calles, onde procedemos a entrar no primeiro local que se nos puxo a tiro para pedirmos cadanseu chacolí. O camareiro que nos atendeu lamentou non podernos compracer porque non dispoñían de chacolí. Daquela Cadaval tiroume do brazo: “Entón vámonos a outro sitio”.
Do mesmo xeito percorremos catro ou cinco establecementos do ramo, para en todos eles recibirmos a mesma resposta: lamentándoo moito, non nos podían atender, alí non tiñan chacolí.
Xa empezabamos a desesperar cando á sétima foi a vencida. Por fin chegamos a un bar onde nos serviron os ansiados chacolís. Postos entón en plan investigador decidimos continuar unha exploración para determinar grosso modo a porcentaxe de locais onde se podía atopar o viño máis popular do País Vasco.
Foi decepcionante: non encontramos ningún outro local que se axustase ós parámetros. En vista do cal Xan decidiu que volvésemos recuncar no único establecemento onde foran atendidos os nosos desexos. E cal non sería a nosa sorpresa cando ó solicitar de novo senllos chacolís o camareiro respóndenos que lamentablemente non tiñan chacolí.
“¡Pero se hai cousa dunha hora os tomamos aquí!”, empezouse a escamar Cadaval. “Recórdoo perfectamente”, respondeu fleumático o camareiro, “aquel era o último fondo de botella que nos quedaba. Como por estes lugares non o toma practicamente ninguén, non nos molestamos en ter provisión”.
“Vaia”, recapacitou Cadaval empezándose a resignar, “a ver se de volta para a casa, cando pasemos por Asturias, tampouco imos atopar sidra en ningures”.

luns, 26 de marzo de 2018

Nau enfeitizada


Hoxe incluímos nos nosos Libros na Artesa, o libro de poemas Nau enfeitizada (claroescuros corunheses) que o seu autor, José Devesa, presentou no 1979, agora corrixido e ampliado polo autor.
      Igual que o resto dos libros desta colección que anda dando os primeiros pasos, podédelo descargar gratuitamente nos vosos lectores electrónicos.

sábado, 24 de marzo de 2018

Resiliencia


               
   

A ningún dos amigos cos que cada xoves tomo a cervexa, se nos ocorreu pensar que un alumno ou calquera persoa se puidese medir polo valor da súa resiliencia, porque para nós a resiliencia é un termo da física que define a resistencia dun elemento ó ser golpeado. Pero tamén é certo que as palabras teñen a virtude de adaptarse ás circunstancias, así que, buscando máis polo miúdo fomos ó “tumbaburros” e atopamos que hai unha segunda acepción na que se define como a capacidade de adaptación dun ser vivo a calquera axente perturbador, tal sería a de vencer situacións adversas; e iso precisamente é polo que foron medidos os alumnos galegos encadrados nas capas máis desfavorecidas da sociedade en comparación cos doutros lugares en similares circunstancias, segundo unha monografía sobre a equidade educativa en España, que foi presentada estes días atrás, feita a partir do informe PISA 2015, a cal nos sitúa entre os mellor valorados do Estado en tan restrinxido ámbito, acadando, comparativamente, os mellores resultados académicos. Mágoa de triunfo.


     Nada máis lela vénme á mente o capitulo “Ignotus”, no que Murguía, no seu libro “Los Precursores”, loando a un mozo analfabeto e mendicante que tocaba a frauta como un primor (eu diría como un autómata), sen ter pasado por ningún conservatorio, trata de amosar e demostrar o que el dá en cualificar como a innata capacidade artística dos galegos, colocándoo ó lado das figuras máis sobresaíntes do momento, como Rosalía, Serafín Avendaño ou Pondal. E nin tanto nin tampouco. Sabemos que é unha pequena hipérbole do Patriarca, porque el tamén sabía que arte e maña non son sinónimos. E sen negar a capacidade de tantos creadores autodidactas de todos coñecidos, a ninguén se lle escapa que os xenes do artista ou do bo estudante hai que regalos como se fosen plantas, porque ninguén nace aprendido.
     Sen embargo, visto con máis frialdade, aínda recoñecendo que os xenios poden florecer en calquera momento e lugar, se ben este noso grupo de estudantes saídos das clases máis humildes e con menos medios, sacan mellores notas cós seus iguais do resto da península, non debería de ser o que nos contente, senón o afán de que ningún rapaz pase necesidade, que para sacar un curso adiante non teña que pelexar cos libros e co entorno. O outro paréceme unha resignación. Á fin, da capacidade dos nosos paisanos para superar os atrancos que a vida lle pon temos unha longa historia de resignados que acabaron collendo os camiños da diáspora por falta de medios na terra, abocando unha estranxeiría chea de dificultades, que tanto nos fan lembrar os inmigrantes que hoxe loitan aquí, entre nós, por acadar a nacionalidade, por acceder a un posto de traballo e por ter os mesmos dereitos ca un nativo.
     Sen embargo, seguimos coas cataratas ameazando coa cegueira, pois ese estudio, que por un lado nos pon no podio da resiliencia, tamén advirte do baixo nivel xeral dos nosos estudantes, sexan pobres ou ricos, por debaixo dos estándares internacionais, o cal nos coloca ó final da lista da excelencia educativa.
     Con todo, aí queda un triunfo máis de Galicia fronte ó mundo: Entre as clases máis necesitadas da sociedade somos os mellores, ou en termos da física de materiais, os que mellor soportamos os golpes.