xoves, 14 de xuño de 2018

NOVELAS EN FASCÍCULOS


Por Pepe de Rocaforte
            En “Los cuadernos de La Romana”, de Torrente Ballester, encontro un parágrafo onde conta estar lendo as Memorias de Saint-Simon, “das que antes posuía uns extractos, herdados de meu pai (catro volumes da antiga colección Larousse)”. ¡Uns extractos en catro volumes! Hai que ver a incontinencia grafómana de moitos escritores de antes (e de agora tamén). Con tanta escritura ¿quedaríalle algún tempo libre para vivir? E mais quedaría, porque polo xeral aqueles grandes memorialistas non precisaban ganar o pan co traballo das mans ou co suor da súa fronte.
            Aínda que, agora que o escribo, decátome de que tamén había xente que non paraba de encher folios precisamente para ganar o imprescindible sustento, aí temos o caso de Balzac sen ir máis lonxe. O cal faime volver ó tema da semana pasada: as novelas por entregas e, concretamente, a “Juan León, el rey de la serranía” e o seu autor, quen posiblemente pasaría tamén por algunhas necesidades económicas que o forzaban a escribir esas case interminables historias de miles de páxinas.
            Busquei en internet o nome de Jesús García Ricote, ou Rigote, porque de ámbalas dúas formas o vin escrito, pero inclínome por Ricote, porque así o encontrei en “La Nueva Taberna”, nun texto de quen se identifica como neto do autor de “Juan León”. Na rede atopei moi poucas cousas, pero entre esas poucas chamoume a atención un informe da “Fundación Fermín Caballero” da Real Academia da Historia, no cal se relacionan os aspirantes ó “Premio a la Virtud” do ano 1928. Un dos aspirantes era García Ricote, de quen se ofrece o seguinte informe: «Don Jesús García Ricote, de Madrid. Joven impedido de pies y manos, que a pesar de su inutilidad viene dedicándose con gran altruismo y desinterés a la enseñanza de niños pobres en la barriada de las Peñuelas.» Finalmente o premio seríalle concedido a outro aspirante.

            En canto ás informacións que ofrece o seu neto observo un detalle dubidoso: o da data de nacemento: dá a de 1869, mentres noutra parte vin 1883. Coinciden ambas no ano da morte: 1962. Tamén nos di que en 1959 lle concederon o “Premio Blanco Grande a la Virtud” dotado con 5000 pesetas. E ofrécenos uns datos biográficos: foi profesor nun colexio de curas e pasou a guerra civil en Madrid, “con lo que eso conlleva” . Tivo “un huevo” de fillos e recibiu bastantes premios, entre outras cousas por ensinar a ler a unha manchea de nenos enfermos. Seica Juan Ramón Jiménez o apadriñou literariamente.
            Entre as súas obras, “de temática católica e costumista”, estaban a nosa xa coñecida “Juan León el rey de la serranía”, “Juan de Dios el médico de los pobres”, “Madonia”, “Los que gimen” “e unhas cantas máis”. Publicáronse todas por entregas, e a este respecto encontrei en “Belloteros por el mundo”, un texto de Santiago Luján contando que en Oliva de Mérida vendía estas novelas por entregas un señor que facía a distribución ó lombo dun burro ou mula, coa que recorría vilas e aldeas. ¡Eran tempos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario