Sabido é que as fotos teñen
un peso que aumenta cos anos, unhas veces para ben e outras para non
tanto, e se non que llo digan a Moncho, que é sinalado pola rúa por
un amor que el di inexistente. Mais cando o río sona...
A pesares de non ter sido
nunca un mozo de éxito, certo día, cando estabamos en clase de
Química, correu pola aula un rumor de sorrisos e miradas: Moncho ten
moza. E unha pregunta ocupou mentes e bocas como un vento de nordés:
¿Quen é ela?. Ela era unha experta comerciante en asuntos amorosos,
quen acababa de discutir co noivo propietario de iate e planadora, a
quen pretendía darlle ciúmes co gafotas de peluxe no beixo, tres
anos máis novo có outro e ansioso por saber como é ó tacto a man
dunha rapaza. Pero así son as cousas do namoramento, que un fíxase
máis no envoltorio ca no que ese papel sedoso envolve e Moncho non
se decatou de que aquilo non era amor senón necesidade. Durante o
tempo que lle durou non lle foi mal e ata quixo inmortalizar aquela
esplendorosa época cun par de fotos colléndolle a man a aquela
envexable serea sen praia. Pero como todos os amores de comenencia
este tamén acabou, non sei se por infidelidade, se por recomposición
do status perdido ou se porque algún amigo, xa fose por envexa ou
por consello gratuíto o advertiu contra aquela amizade perigosa que
non lle ía traer nada bo, alguén a quen debía manter arredada da
vista de todos se quería chegar a bo porto. E todo acabou,
aparentemente, cando aquela beleza anunciou o seu compromiso de voda
co ciumento que usaba after
shave todos os
días.
Pasaron os anos, e a crise dos
cincuenta anunciou a rotura dun matrimonio apuntalado por tarxetas de
crédito e caprichos de alto avoengo; e cando Moncho pensaba que
aquela historia xa era pasado, actuaron as criminais redes sociais
para lembrala; e a súa filla máis nova, volveu do exame de
selectividade amosándolle no facebook
unha daquelas fotos e preguntándolle quen era ese mozo feíño, que
se lle facía tan coñecido, collido da man de quen fora a beleza
máis famosa da bisbarra, e quen agora que se está divorciando do
marido circula polas redes coa acusación de infidelidade
recalcitrante. Moncho, sen se atrever a revelarlle a identidade,
deixou que o descubrise polas redes, e asemade que outros con máis
lixeiro dedo indicaran ó pé da foto que en máis dunha ocasión se
viron xuntos nalgún lugar da bisbarra, que Moncho ten un coche que
non se poden permitir outros con semellante emprego de funcionario,
ou que coa desculpa de preguntar polos fillos en idade escolar, ela
visitábao no instituto onde exercía de titor. A mesma esposa de
Moncho lle pediu contas por mor daquela foto de adolescencia e do
ruxerruxe que circulaba polo pobo, se el tiña algo que ver cos
negocios daquela familia ou coa roupa interior daquela dama, e non
bastou que el limitase todo á memoria da adolescencia, cando aquela
aínda non tiña a fama de caza-dotes, caza-amantes e
destroza-corazóns, porque as voces seguiron con tal insistencia que
Moncho houbo de renunciar incluso a ir ó bar de Paco, onde o seu
amorciño doutro tempo toma o vermú do mediodía e o café de media
tarde, evitando que os vexan xuntos porque esa foto segue e seguirá
perseguíndoo, cortándolle as ás e condicionando a súa vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario