Se
se me pide que apoie coa miña sinatura a solicitude dun Nobel
póstumo para Lorca, asinarei con DNI incluído, máis por amor
lorquiano ca por realidade literaria.
Cos
Nobel de literatura e cos “Día das Letras Galegas” teño os meus
máis e os meus menos. Non me explico por que non lle dan un día a
Carballo Calero, como tampouco sei por que preferiron galardoar co
Nobel a Echegaray e nunca a Valle-Inclán (ou seino pero mellor
calalo). Mais, unha cousa ten o Nobel a diferencia do Dia das Letras,
que mentres este procura recuperar a escritores que por
circunstancias de sobra coñecidas non estiveron nin están tan
presentes como deberían no panorama literario e lingüista do noso
país, aqueles pretenden recoñecer o mérito de autores fundamentais
no momento de ser galardoados, ou sexa, a escritores vivos.
Aínda
así, con estes e outros premios sempre teño desconfianzas, porque
cando non vexo a man do amigo por detrás vexo a furia do inimigo por
diante. E aí está o caso de que cada dous por tres apareza premiado
alguén máis famosos por cousas alleas á literatura.
Foron
moitos os autores que mereceron o galardón sueco, Saint-Exupéry por
exemplo, desaparecido prematuramente, Borges, eterno candidato a quen
lle faltou o apoio necesario no seu país e do seu mundo idiomático,
ou o brasileiro Jorge Amado, a que lle tocou vivir nuns anos nos que
Brasil só era famoso pola samba, o sandrónomo e as moças
de Ipanema, e non por iso estes escritores son menos importantes na
historia da literatura universal.
Pero
cando se recoñeza co Nobel a un escritor morto, será abrirlle á
porta a todos os finados da historia, e daquela ¿que criterio
seguir?, ¿a quen darllo antes, a Cervantes ou a Shakespeare?. Darlle
ese premio a un finado será romper co significado e a pretensión do
mesmo, esquecendo a razón mesma pola que o señor Nobel os
instituíu, para premiar en vida a quen realmente está facendo algo
pola humanidade, non a quen o fixo, porque daquela teríamos que
empezar por recoñecer a Aristóteles e Arquímedes, a Newton e a
Maxwell, a Petrarca e a Victor Hugo, por exemplo. ¿E quen recibiría
os cartos do galardón?. Porque Lorca ou Valle-Inclán aínda teñen
familia viva, pero Cervantes non deixou nin un fillo ventureiro que
seguise a estirpe. E de pedir un Nobel, ¿por que non o Princesa de
Asturias que nos queda máis cerca e faría máis xustiza se do que
se trata é de remediar o que a nosa memoria histórica reclama?.
E
máis alá de que quede ben de cara ó público a petición dun Nobel
para Lorca, a quen todos temos na máis alta consideración, sendo
máis realistas e querendo facer algo pola literatura que nos é máis
próxima, ¿por que non gastamos a enerxía pedindo o recoñecemento
de Ferrín, Lobo Antunes ou Muñoz Molina por exemplo, que ademais de
quedarnos máis preto están en sintonía co tempo que nos toca
vivir?.
É
evidente que a iniciativa ten unha carga de memoria histórica que
habemos de reclamar, que non podemos deixar perder, pero que vai máis
alá da literatura, aínda que a literatura, e non só a poesía,
sexa esa arma cargada de futuro. De todas formas confeso o xa dito,
que se alguén me pide a miña sinatura para tal iniciativa asinarei
sen bolígrafo prestado, aínda pensando que Lorca non o necesita,
como non o necesitaron tantos poetas compañeiros seus de xeración e
igualmente perdedores da incivil Guerra, como tampouco o necesitou
Sartre que o rexeitou con toda a razón do mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario