Por
Pepe de Rocaforte
A semana pasada dábame tema para
estas colaboracións un curto parágrafo de Fernando Pérez-Barreiro no seu libro
de memorias “Amada liberdade”. Hoxe é tamén outro parágrafo, desta volta sacado
dunha novela de Josefina Aldecoa, “La fuerza del destino”, onde encontro unha
pasaxe que me trae á cabeza algo totalmente perdido nalgún recanto das miñas circunvolucións
cerebrais: as novelas por entregas.
Supoño que este tipo de narracións
tiveron o seu auxe antes de eu nacer. Sendo rapaz de dez, doce anos, xa se lle
perdera a afección, se non totalmente, en grande parte; polo menos no meu
entorno máis próximo, onde daquela empezaban a ganar o favor do público as
novelas radiadas, un paso adiante na evolución cara ás actuais series
televisivas, entre as cales, con grande parte de medios e material galegos,
acaba de triunfar recentemente “Fariña”.
En “La fuerza del destino” conta
Josefina Aldecoa como uns repartidores e repartidoras che viñan botar por
debaixo da porta un caderniño co capítulo inicial dalgunha nova publicación, o
mesmo que hoxe chega ó teu buzón a publicidade do Gadis ou do Carrefour coas
ofertas da semana.
O
receptor botáballe unha ollada a aquela mostra inicial, ou líaa de cabo a rabo,
e se o picaba a curiosidade de ver como proseguiría a historia seguía mercando
no quiosco os sucesivos capítulos en caderniños, máis pequenos, máis humildes,
pero en realidade moi semellantes, fóra o tamaño e o papel cuché, ós fascículos
semanais que uns anos despois encherían as nosas casas de Enciclopedias da
Cociña, Monitores, Faunas, ou Grandes Enciclopedias Gallegas.
Eu
non vivín aquela época das novelas por entregas, ou polo menos non a recordo;
pero na miña casa consérvase un tomo, mellor dito: un “tomazo”, coas aventuras
de “Juan León, el Rey de la Serranía”, de mil duascentas páxinas, que non son a
historia completa como en tempos cheguei a supoñer, senón tan só a primeira
parte, segundo información que atopo en internet, onde se di que as aventuras
completas de Juan León están formadas por tres tomos cun total de máis de catro
mil páxinas.
Para
darvos unha idea do peso da historia deste émulo de José María El Tempranillo
peseina na báscula de cociña, onde marcou mil cento corenta gramos, e fixen esa
foto na que se pode comparar o grosor do primeiro tomo co dun teléfono móbil,
así como a curiosidade da portada do fascículo inicial, onde se nos comunica
que se trata dunha “novela corta”, non nos vaiamos asustar xa de entrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario