Por Pepe de Rocaforte
Expoñía
o outro día dous feitos, en superficie similares, (refírome á reprimenda de
Macron a un adolescente francés e á dun futbolista portugués a uns rapaces
angolanos) coa intención non expresada de que algún posible lector se parase a
matinar sobre as diferencias existentes entre un e outro e sacase a súa opinión
sobre o particular.
Por
diversos motivos para min o comportamento máis impresentable, non o negarei,
foi o do presidente da República Francesa. E non porque teña unha particular
teima contra os políticos, aínda que moitas veces fagan méritos máis que
suficientes para consideralos persoas escasamente recomendables.
Vénme ó
caso a recente posta en escena do actual presidente da Xunta, señor Núñez
Feijoo. ¿A quen quixo enganar con esa declaración tan meditada, durante varios
días, de que non optaba á presidencia do Partido Popular porque o seu
compromiso é o de servir a Galicia?
Este
home faino dunha maneira tan burda que, despois de se emocionar ata o pranto
coa declaración do seu irrenunciable compromiso con Galicia, non tarda tres
días en anunciar que hoxe non, pero dentro dun par de anos será outra cousa e
daquela (unha vez fracase quen agora se faga co poder no partido, como é case
seguro) o seu compromiso coa gobernación do noso país non será o máis
importante e poderá poñer proa a Madrid para chegar a Génova como O Salvador).
Feijoo
di que gracias á súa xestión a economía recuperouse e o gasto público
autonómico é hoxe superior ó do goberno do Bipartito. Minte. O presuposto
consolidado da Xunta foi en 2009 de 11,8 millóns de euros. Para este exercicio
están previstos pouco máis de 10,7 millóns, é dicir: un 9,3% menos, sen ter en
conta o incremento que rexistraría aplicando o efecto da inflación. Presume
tamén de austeridade, pero nestes anos a nosa débeda pública disparouse un
185%, pasando dos 3.923 millóns de euros do primeiro trimestre de 2009 ós máis
de 11.200 millóns do último cuarto do 2017. (Tomo todos estes datos de
“Público”, 9-6-2018).
Por
favor, que se deixe de salvarnos a vida ós galegos, el e o seu partido, e que
se vaia presidir a Fundación Inditex, ou o que sexa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario