O
Curmán de Undochán (*)
Se eu fose
literato imaxinativo pariría unha serie de improvisadas e máis ou menos
desordenadas estampas impresionistas da paisaxe e a paisanaxe que me arrodean.
Mais, como apenas, se algo son, é cronista dunha realidade, por máis subxectiva
que ela for, limitareime a expor, con tentativa ordenazón lóxica, aspectos que,
por contraste, xulgo capaces de orixinaren algún divertimento ou evasión
mentais nos máis que improbábeis leitores desta miña tenza de OS CHANZOS.
E logo
está o tema: ata que punto pode interesar esta temática ao leitor galego? Pois
o tempo o dirá: só quero puntualizar que estoutro mundo, que foi chamado Novo
Mundo, ten recebido millóns de inmigrantes galegos, desde Cuba até a Arxentina,
coa particularidade de ser este concreto país, o Uruguai, o que, en proporzón,
ten maior poboazón de orixe galaica, moito por riba da denominada Quinta
provincia galega, que ven sendo a veciña e desmesurada Buenos Aires, que si,
absolutamente, é a que máis dos nosos ten albergado.
+++++++++++
Esta realidade é o que estou vivindo nun noveno e último
andar dunha torre esquineira e
marítima orientada ao sul, val dicir ao Rio da Prata, de xeito que teño á
dereita, a 3 quilómetros, a cidade vella de Montevideo e á esquerda e á fronte,
a primeira dunha chea de praias que se prolongan até o quilómetro 16, contidas
pola Rambla (paseo marítimo).
Nesta praciña fronteira
da miña vivenda, ubícase e albíscase un busto de Amado Nervo, que morreu aquí
ao lado, sendo embaixador do seu país (1919).
|
Neste hemisferio o sul é o desapacíbel e o norte o amábel:
ao meridión fican a lonxincua Patagonia arxentina ata o polo austral, e a
setentrión todo o cálido subcontinente sulamericano, señoreado pola Amazonía
brasileira e prolongado ata o Caribe de tan boa sona turística, dun océano ao
outro, claro é.
O vento daquí –que cando é violento chega a moverme o piso-
en nada desmerece ao da Coruña, por por un exemplo ben coñecido. A climatoloxía
é abondo variada: segundo o dito popular, nesta cidade ben se poden dar nun
mesmo día as catro estacións… Para compensar, o sol é algo máis queimante que
na nosa Galiza, e máis tendo en conta que no sul do planeta é particularmente
agresivo o burato de ozono.
Para rematar con esta descripción xeográfica, compre
explicar que a urbe que teño á dereita é a que comprende duas zonas ben
definidas: a “Ciudad Vieja” na península propiamente dita, e a que foi “Ciudad
Nueva” e acabou sendo o Centro, seguida, ata este ponto onde escribo, polo
barrio de “El Cordón” (cordón que denominaba a corda imaxinaria que antano
separaba o campo de marte do resto da urbe en expansión).
Montevideo céntrico co
porto ao norte e as praias ao sul
|
A
porción costeira do Centro denomínase “barrio Sur”, entanto “El Cordón” sur
comprende o “barrio Palermo”. (Este Palermo orixinouse nun establecemento
comercial, “Nuevo Palermo” propiedade dun indubidábel palermitano, ao contrario
do Palermo porteño, cuxo nome tivo orixe nun dos primeiros poboadores, en 1580,
que, procedendo da capital siciliana, levaba ese topónimo por alcume).
(*) Undochán que é curmán meu/ e individuo peculiar/ deume
licenza para eu/ o seu seudónimo usar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario