Por Pepe de
Rocaforte
Acabei de ler nestes días “Por unha
causa xusta”, novela de Vasili Grossman centrada na invasión de Rusia polas
tropas da Alemaña nazi e, particularmente, no primeiro ano do cerco de
Stalingrado.
Grossman, non admitido no exército
por causa dunha enfermidade pulmonar, cubriu como corresponsal do xornal
“Estrela Vermella” a información desde o frente de batalla, o que lle permitiu
ter unha visión directa do desenvolvemento de boa parte da guerra nas
inmediacións do Volga, particularmente do cerco de Stalingrado.
Non sei se por causa da súa
extensión (a novela ten máis de mil páxinas), ou pola cantidade de personaxes
que aparecen no transcurso do relato (a relación deles ocupa case dez páxinas
do libro e se lle aumentamos os distintos nomes con que ás veces se alude a
cada un deles, por exemplo Mijaíl Sidorovich Mostovskói, pode aparecer así ou
só Mijaíl Sidorovich, ou en ocasións simplemente Mostovskói). Anatoli pode ser
Tolia ou Tolenka, etcétera).
Por todo eso ó principio foime
difícil seguir a lectura. Así e todo resistín a tentación de deixala de lado
porque, a medida que avanzaba na historia, deixoume de importar ata a
parcialidade do autor, a quen o sentimento patriótico faille describir a todos os cidadáns soviéticos como
boa xente, e se algún non o é tanto, non falar del. Así non veremos para nada o
nome de Stalin, mentres Hitler e Mussolini aparecen tratados con certa
amplitude.
Pero eso non importa moito, o
verdadeiramente importante é introducirte nunha historia ambiciosa, contada con paixón totalizadora (Seica Solschenizyn
dixo que todo escritor ruso aspiraba a medirse con Tolstoi e Dostoiewski.
Grossman, nos dous anos que pasou no frente de Stalingrado, o único libro que
levaba consigo e leu dúas veces foi “Guerra e Paz”).
A súa obra é toda unha epopea do
século XX, comparable ás que nos deixou a Grecia Clásica. O propio autor levaba
a idea delas na cabeza, cando, xa preto do final, escribe: “¿Por que choras e
te lamentas cando oes contar as desventuras dos arxivos, dos dánaos e de Ilión?
Os deuses decretaron a morte daqueles homes para que lle servisen ós seus
descendentes de tema para os seus cantos. Tal vez dentro de oitocentos, ou
quizais mil anos, cando xa non estean esas árbores nin ese estrada, cando esa
terra durma un sono eterno cuberta polo estrato denso e groso doutra terra
[...] da que desapareceron as cidades e os pobos [...] un home de brancos
cabelos camiñará amodo pola beira do Volga, deterase e pensará: ‘Esta rexión
esconde vestixios da historia, por aquí marcharon cara ó Volga os soldados dos
afastados tempos da gran Revolución’ ...”
Non sigo coa cita porque me
entusiasmo e case copio o libro enteiro. A cambio recomendarei a lectura desta
gran novela. Pola miña parte axiña me porei a ler a que se pode considerar
segunda parte (e seica mellor aínda) desta historia: “Vida e destino”,
naturalmente do mesmo autor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario