Por
Pepe de Rocaforte
Volvo ás lecturas
escolares, porque me quedou un caso sen contar. Refírome hoxe a un único libro:
“Anaquiños”, de Manuel Fernández Novoa, aínda que non o tiven como libro de
lectura na miña época escolar. O exemplar que posúo pertence a unha edición de
1958, aínda que xa fora publicado con anterioridade a xulgar polo “nihil
obstat”, de 1942.
A pesar do título o libro
está escrito case na súa totalidade en castelán, pero a temática é galega e
ademais conta con fragmentos que non deixan de chamar a atención nun texto para
o ensino publicado naquelas datas da ditadura franquista.
As lecturas en galego son:
Un poema de Rosalía, “¡Calade!”; un poema de Curros, “¡Ay!”; un poema de
Pondal, “Os pinos” (o Himno Galego, no libro leva ese título); outros versos de
Lamas Carvajal, “As campanas d’Amiudal”; e un relato en prosa, “Xoquín e
Pepiño”, do autor do libro.
Nalgún dos textos, como no
referido a Pondal, pon explicacións coma esta (traduzo): “Non foi, como alguén
cre, un poeta tendencioso. Se ben é certo que nos seus versos, sen perder
lirismo nin colorido, encóntrase certo matiz social, non por eso se empequenece
a súa figura, antes ó contrario, elévase”. E non se pode negar a pegada do
bardo de Ponteceso nalgún outro texto. Por exemplo, na lectura titulada “El
pino” (traduzo): “Cando se fala dos rumorosos fálase dos pinos, é dicir
que na nosa rexión ó pino chámaselle poeticamente rumoroso”.
De Curros escribe (traduzo):
“Esta figura destacada, deixando á parte os erros que tivo en vida, é unha
gloria de Galicia”. De Pastor Díaz (traduzo): “Velaí un home que podendo ter
conquistado unha cuantiosa fortuna morreu na pobreza, a pesar de ter sido
Ministro e Embaixador. O seu exemplo debería ser imitado por todos”. E tamén
ten ocasión de citar o nome de Castelao: “O gran caricaturista galego,
Castelao, deu á publicidade unha obra sobre os mesmos [os cruceiros]”.
Algúns dos parágrafos que
se atopan aquí e alá ó longo do libro non deixan de ser curiosos: Di de Franco
(traduzo): “Alí [en Marrocos], onde España esixía homes fortes, vigorosos, para
levar a cultura a xentes bárbaras, presentouse o mozalbete Francisco Franco,
hoxe caudillo da Patria”.
E de Concepción Arenal
conta (traduzo): “a Asociación Howard, de Londres, ó nomeala socio honorario da
mesma, dirixiulle unha atenta misiva. Créndoa varón tratouna de Sir,
esto é, de Señor. Eran tan excepcionais as súas facultades que non é estraño
que os ingleses a confundisen cun home”.
Rematarei cun par de
fragmentos cuxa cualificación deixo a xuízo do lector. Sobre o Cabo de Fisterra
(traduzo): “Os homes da antigüidade estaban nun error. Sendo a Terra plana
podiamos encontrarlle fin camiñando sempre na mesma dirección, pero sendo redonda,
como nolo demostran infinidade de probas, se partimos dun punto e marchamos
constantemente na mesma dirección, volvemos ó mesmo punto, mais nunca
atopariamos un abismo ou barreira infranqueable que nos indicase que ir máis
alá é imposible, que é afundirnos na inmensidade do Universo”.
E de Conxo, “unha nai
agarimosa para os dementes” di que (traduzo): “Para evitar o espectáculo pouco
edificante e vergoñento de ver deambular polas rúas ós tolos, con perigo para o
pacífico transeúnte, as Deputacións galegas aportan o seu óbolo a esta obra de
profilaxe social”.
O autor de “Anaquiños”,
Manuel Fernández Novoa, era mestre, natural de Vigo, onde naceu en 1908 e
morreu en 1984.
En Puentes de García Rodríguez, As Pontes, Don Manuel fue maestro mío durante el año 1953. Casado con Doloritas Meizoso. Todos mis amigos falaban galego, eu aprendino e ainda o recordo.
ResponderEliminarInteresante comentario
ResponderEliminar