xoves, 18 de abril de 2019

PELÍCULAS MEMORABLES


Por Pepe de Rocaforte
Falábase o outro día nunha charla sobre películas que dalgún xeito deixaran marca na memoria dun rapaz ou rapaza cando as viran. A dicir verdade non me quedou moi claro se se referían a películas que nos influíran na infancia, ou a filmes que, vistos entón, se converterían posteriormente en referentes estéticos para nós.
Creo, non sei ben por que, que cando nos referimos a unha desas películas míticas da nosa infancia case sempre nos auto-enganamos á hora de revivir os nosos recordos, pero ó mellor equivócome e son eu quen naquela época non soubo apreciar a calidade dalgún determinado filme, que supostamente debería influír de maneira decisiva nos meus gustos estéticos posteriores.
Como a persoa que me resulta máis fiable á hora de facer unha investigación sobre os gustos da súa época infantil son eu mesmo, boto man dos meus recordos para descubrir cal foi, se a memoria non me engana, o filme que máis me emocionou naquel tempo.

Como me costa traballo decidirme por un só, vou escoller tres. O primeiro é de 1946 (non sei en que ano se proxectou na miña vila natal). Levoume a velo un meu primo, curmán da miña nai, pensando que me había gustar. E anque non cumpría cos requisitos que eu lle esixía a un filme naquela época, tiven que recoñecer que me gustou moito.
A película titulábase “Los verdes años” e contaba a historia dun rapaz irlandés que queda orfo e vai vivir a Escocia coa familia do seu pai. Alí pasa a infancia e unha vez rematada a educación escolar, coa axuda do bisavó e a oposición do avó, vai estudiar á universidade, onde cursará estudos de Medicina.
Nunha crítica que vexo en internet dise que é unha “tenra e conmovedora historia do crecemento dun neno”, inspirada nunha novela (case totalmente autobiográfica) do médico e autor de bestsellers A. J. Cronin, autor de novelas como “A Cidadela” ou “As chaves do reino”, que tamén pasaron ó celuloide. Desta fita só conservo na memoria as correrías do rapaz polo campo, xunto cun amigo, e o descubrimento do niño con ovos dun paxariño (tal vez o detalle que me fixo identificar máis coa historia).
A segunda película xa cumpre cos requisitos que eu lle esixía ó cine naquela época: acción, galopadas, revólveres, tiros e triunfo do bo sobre os malos. É de 1950 e titulase “Dallas, ciudad fronteriza”, con Gary Cooper, o meu maior ídolo cinematográfico daquel tempo, e Ruth Roman, moi digna tamén de ter en conta.
A terceira non foi das que máis me entusiasmou. Levárame a vela miña nai. Ela xa a vira uns anos antes (é de 1937) e gustáralle tanto que quixo volvela ver outra vez. Meu pai estaba de viaxe e miña nai, por non ir soa ó cine, levoume consigo. O filme titulábase “La espía de Castilla” e contaba unha historia que se desenvolvía na Guerra da Independencia contra os franceses, e o que máis sona lle deu, cre eu, foi unha canción, “A serenata das mulas”, unha peza que aínda a estas alturas me repica nas meninxes cando me volve á memoria Jeanette MacDonald, a protagonista do filme.
Como verán, estas marabillas cinematográficas non resistirían hoxe moi ben a proba do algodón. ¿Marcaron dalgún modo os meus actuais gustos estéticos? Non o sabería dicir, pero á vista do que hai é posible que así fose.

Ningún comentario:

Publicar un comentario