luns, 29 de abril de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (16)



O Curmán de Undochán

“El sol alumeia mis paso. No sé si el sueño me fez despertar o la isperanza creció con el rocío de la noite y me plantó estas gana de salir. Despós de tantos mes me afeité, busqué la camisa a cuadro que le gustaba a mi madre, preparé el mate y salí…”. Así se expresa Fabi, o Chicharra (“Mi madre me llamaba Chicharra porque yo impezaba hablar y no paraba. Era una matraca de palabra. Cuando nosotro ía hacer algún mandado, yo ía hablando. Cuando mi madre me llevaba en la iscuela, yo ía falando. ‘Para um pouquinho, Chicharra, tas me aturdindo’”).

Fabi ficou orfo da nai, fillo único de muller abandonada, a vivir na cidade nortina de Artigas, no punto máis afastado do país, limítrofe, rio por medio, coa brasileira Quaraí. E reflicte a fala fronteiriza nunha novela intitulada Viralata (2015), sendo viralata o can sen dono que vira as latas do lixo en procura de restos comestíbeis. Ese texto foi Premio Nacional de Literatura en Narrativa édita 2017, ata acadar a fortuna dun filme a máis da representación teatral, todo en pouco máis de dous anos, para ventura do seu autor, Fabio Severo (1981).
 
Isto viría pór de relevo, alén da calidade literaria que se lle supón, o interese crecente por ese fenómeno lingüístico coñecido como portunhol/portuñol: seique Undochán tentou dálo a coñecer en Galicia “van alá máis de trinta anos”, dime o vellouco. (De xeito que aí vai a publicidade, o menos que debo brindarlle a meu curmán, despóis de me apadriñar).

O caso é que esta sua fronteira uruguaiana (de feito Uruguaiana é unha cidade brasileira na beira do río Uruguai, que naquel territorio nace) é, con moito, a máis poboada do inmenso país, que limita con todas as nacións sulamericanas, agás Chile e Ecuador. Sumado a iso que dita zona limítrofe non presenta ningunha barreira natural entre as duas repúblicas, resulta unha penetración incesante do grande no pequeno, primeiro bélica, despóis económico-territorial (compra de terras, a certa altura atacada por leis uruguaias) e poboamento en base a establecementos rurais, case sempre latifundios (estancias).
Edición do histórico libreiro larachés-montevideano
 Antonio Barreiro y Ramos   .

Tal pacífica invasión de colonos, masiva na metade norte, deu pé a unha cultura mixta manifesta nos costumes, língua, música e ainda máis. Multitude de palabras portuguesas entraron na fala e despóis nos diccionarios (o último o Diccionario del español del Uruguay da Academia Nacional de Letras, 2011), sen que isto impida que moitos xiros e voces pasen desapercibidos, val dicir, son tan familiares, que a xente non se decata da sua orixe foránea.

Algúns exemplos: o personaxe Chico Carlo (que dá título a este clásico xuvenil de Juana de Ibarbourou) refírese a un rapaz de evidente nome oficial Francisco Carlos, que pon á vista o hipocorístico Chico e máis esa prescindencia do “s” final que víamos antes. Outro: Cerro Largo, departamento fronteirizo, expresa o largo portugués equivalente ao ancho español.  Xa falamos da erba marcela (macela, español manzanilla), alteración produto da ignorancia desa palabra allea á lingua oficial do Uruguai…
  
Máis: lombada chámanlle á lomada ou badén. Jeito é palabra habitual aquí. Como lambeta (larpeiro). Como mormazo (mormaço, recalmón, bochorno climático). Igual pasa coas construcións  más nada, más nadie, más nuncaCuruya (coruja), cayuera (cachoeira) ou ticholo/chicholo (tijolo, ladrillo oco) úsanse habitualmente, dependendo dos ambientes, tal pasando con  bencer (benzer, abençoar, bendecir un curandeiro) ou o comunísimo vichar (vigiar, espiar)…

Olive(i)ra, Ribe(i)ro ou So(u)sa e Saraiva (tornado Saravia) son apelidos popularísimos neste país, derivados dos portugueses homónimos, castellanizados con perda daquel ditongo… moita culpa diso téndoa a pronuncia relaxada dese ditongo polo portugués do Brasil: Oliveeera, etc. Só resta citarmos o caso de moitos autores clásicos do Uruguai con fragmentos en portuñol nos seus textos castellanos (Chico Carlo é un exemplo, máis tamén Eduardo Dieste na sua obra dramática El Viejo: ollade que dous galegos-fillos).

Copla brasileira relacionada: Menina dos olhos verdes/ me dá mate p’ra beber/ Nao é sede, nao é nada/ e vontade de te ver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario