luns, 22 de abril de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (15)


O Curmán de Undochán
“Pascual Ignacio de Oyarsun, natural de Santiago de Castro, reyno de Galicia, en la América Meridional” escribe Benito Alonso Covián, párroco da igrexa “del Cordón” de Monte-Video (así escrito no tempo), o 5 de xuño de 1823, en redixindo a acta de matrimonio do individuo cunha montevideana. El aínda era español americano, pois a actual provincia de Chiloé (daquela chamada Nueva Galicia) sería incorporada ao Chile independente non antes de 1826. Canto a ela era nese ano súbdita brasileira, pois o Uruguai se achaba soportando o dominio circunstancial de tal imperio herdeiro do portugués.

Ollade a autonomía daquela Galicia na Nueva España

Esa Nueva Galicia tiña tal nome desde 1567, máis de 250 anos atrás, ano aquel en que fora fundada a cidade de Santiago de Castro –nome que homenaxeaba ao ponferradino  Lope García de Castro, gobernador do vicerreinado do Perú. Realidade esta á que se ten referido repetidamente Edmundo Moure, chileno de pai galego, colaborador habitual da revista Areal, de Sada. E antes del o noso Eduardo Blanco-Amor, no seu Chile a la vista, estes e outros a coincidiren nas semellanzas paisaxísticas e humanas coa nosa Galiza europea.     

    Mais houbo outro reino de Galicia americano, tamén sobre o Pacífico, creado anos antes do austral, este na Norteamérica mexicana. En 1531, no territorio dos actuáis estados de Nayarit, Jalisco, Aguascalientes y Zacatecas, fundouse o reino de Nueva Galicia coa sua capital (1540) en Santiago de Compostela, despóis sustituída pola actual Guadalajara… existindo ata 1786 en que o vicerreinado de Nueva España alterou a organización administrativa do territorio: outra vida, como a chilena, de 250 anos.
Nova Hispania et Nova Galicia, di a cartela



Historia pintoresca que tería o seu reflexo na Galiza metropolitana desque, coa nova división provincial –e municipal- á francesa de 1833, desapareceu á sua vez como entidade oficial… para recuperar parcialmente a sua virtualidade case 150 anos máis tarde baixo a condición de nacionalidade histórica.

Nós non nos cansamos de repetir, particularmente cando se está a falar da necesaria supresión das deputacións provinciais, que o que realmente compre suprimir son as mesmas provincias, para lle dar carácter administrativo ás comarcas e máis ás freguesías… Non fica evidente que o proceso autonómico se parou nun paso intermedio, sen ousar desembocar no rexime federal, ao conservar esa figura propia do centralismo borbónico que é a provincia?

Ollade en que foi dar a nosa crónica de hoxe… a partir do casamento dun chileno-euskaldun –dado que o seu apelido procede do topónimo natal da nai do noso Murguía-  daquela Galicia austral cunha uruguaiana da Província Cisplatina do imperio do Brasil… ambas nacionalidades ainda non operativas nese 1823, duas centurias atrás!

Reflexión extemporánea: “Voto rogado”, “ruegos y preguntas”… resabios do ancien régime onde hai apenas súbditos dunha monarquía que non dan acadado a condición de cidadáns dunha república…

Ningún comentario:

Publicar un comentario