luns, 8 de abril de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (13)


                                              
                                                                        O Curmán de Undochán






O cincuentón pousaba no peitoril da rambla (paseo marítimo) a izar unha cometa (papaventos), tan, mais tan orixinal que talmente representaba un polbo, coa sua face no corpo do artiluxio e os tentáculos a xeito dos farrapos habituais… Facíao coa sabencia que dan, non sempre!, os anos e ben se apañaba coa lixeira brisa do empardecer destes derradeiros días do verán austral.

Chamaba a atención de todos. Primeiro, polo feitío do papaventos. Despóis, pola idade e soidade do individuo –estes trebellos eran, en tempos, monopolio dos nenos: o adulto aí desempeñaba apenas o papel de asesor, e antes, de construtor da cometa. Terceiramente, porque cada ano se ven menos cativos a ergueren eses xoguetes e pelexaren cos ventos máis fortes do desexábel. Évos algo así como os surfistas, outros aliados de Eolo, ou como os practicantes doutros tan variados deportes náuticos ou aéreos, ou, mellor,  aeronáuticos.


O por do sol estaba aí, a poucos metros, e fíxome cavilar no gracioso que é seguirmos falando da posta do astro… a quiñentos anos de Copérnico, dándolle máis valor á nosa engañosa vista, como se dun trompe l’oeil se tratase.  A xente, máis ou menos dispersa no amplo varandal do paseo, sen chegar a multitude, multidón -ou moitedume que dicíamos naqueles tempos de invencións lingüísticas-, concepto que, ao meu ver, implica certa densidade, un mínimo amoreamento para ser considerada tal.

É un rito universal propio das xeografías costeiras ou ribeirás suspender uns instantes a actividade que for, non para se volver á Meca, senón para se dedicar algo absortamente a contemplar ese fenómeno que, por milenios, tanto engaiolou ao xénero humano (e é de supor que mesmo aos instintivos animais). Eses adoradores do sol –outros que os que se deitan ao sol, que o adoran doutro xeito por ventura máis egoísta-, entre admirativos e temerosos, é de crer que gañarían por goleada aos devotos da lua, que alcanzan o seu culmen cando o luar se deixa ver… que non sempre.

 Eu son máis destes últimos e igual gosto da lua chea, pequena ou comprida, que da lua con gume, con ese feitío arábigo -tanta forza teñen os símbolos.

(Todo o dito déume para pensar que o home se servira do papaventos para facer visíbel o vento, do que xa o seu sentido do tacto gozaba: o cometa era para el o intermediario, intermediario legal, sen dúbida, entre el e ese vento invisíbel e tan presente. En tanto eu, nós, púñamos estoutro sentido da vista, ben máis directo, para desfrutarmos do sol).

Compre aclarar que o que antecede non vos é cousa miña: todo mo confesou estoutro día meu curmán do título, un tío pintoresco, que un diría non ten mellor cousa que facer e o bó é que esta volta foi el quen fixo a miña crónica e, daquela, quen a ha cobrar…

Curiosidades lingüísticas: No Uruguai temos o Arenal Grande e o Hervidero, na Galiza están a Area Grande (de Laxe) e a Area Longa (de Vilagarcía), e tamén as Fervenzas varias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario