xoves, 25 de abril de 2019

ONDE MENOS O PENSAS SALTA SAMUEL PEPYS


Por Pepe de Rocaforte
O recente estreo de “A caída do imperio americano”, do canadense Denys Arcand, levoume a ver de novo dúas películas anteriores do mesmo director, “O declive do imperio americano” e “As invasións bárbaras”, xunto ás cales esta última cerra unha triloxía coa que Arcand se despide do cinema segundo el mesmo contaba hai poucos días nunha entrevista xornalística.
Aínda que ¿quen sabe? Porque ós seus 76 anos aínda lle queda tempo para recuncar máis dunha vez detrás da cámara, como fai por exemplo Clint Eastwood quen en 2018, con 86 anos, acaba de estrear “Mula”. Ou, máis difícil aínda, o incrible record do portuense Manoel de Oliveira, que se as informacións consultadas non me enganan, dirixiu “O velho do Restelo” en 2014, con 105 (¡cento cinco!) aniños. Supoño que o seu caso figurará no Libro Guinness dos records. E se non fose así haberá que informar ós editores do libro para que o rexistren inmediatamente.
Pero o meu comentario de hoxe vén motivado por outra razón: Vendo unha vez máis “As invasións bárbaras” fixeime nun pequeno detalle case ó final da película. O fillo do personaxe central do filme ofrécelle ocupar de balde a casa de seu pai a unha moza, filla dun amigo da familia, mentres ela non poida encontrar outra cousa. Recorren a vivenda e ela párase uns instantes a lle botar unha ollada ós andeis da biblioteca.

A cámara detense uns escasos segundos diante dalgúns libros dos cales nos permite ler os títulos. Trátanse de: “Se esto é un home”, de Primo Levi; “Os miserables”, de Victor Hugo; “Historia e utopía”, de Cioran; “O arquipélago Gulag”, de Solzhenistsyn; e o “Diario”, de Samuel Pepys.
Pode ser un modo de mostrarnos as súas preferencias literarias. Supóñoo. Pero a min tróuxome á memoria un propósito dos meus anos do bacharelato, cando no libro de Lingua e Literatura de 6º curso, de Ángel Lacalle, lin que no “Diario” de Pepys “...alternan o relato dos feitos máis importantes da vida londinense do seu tempo [...] coa minuciosa explicación dos detalles máis íntimos da súa vida privada...) Fixen  daquela dous propósitos: aprender inglés e ler canto antes o “Diario” de don Samuel.
Chegado a estas alturas nin aprendín inglés, nin lin o “Diario”. O primeiro propósito case podo asegurar con absoluta certeza que non o vou cumprir. Pero o segundo xa é outro cantar. Mañán mesmo mercarei o Diario de Samuel Pepys, en tradución ó castellano, e poreime a lelo tan pronto como poida.
¡Gracias, don Denys Arcand, por traerme esto á memoria!

Ningún comentario:

Publicar un comentario