O
Curmán de Undochán
O mate é algo
omnipresente na sociedade, para ben e para mal abondo provinciana deste país.
Orixinario do norteño Paraguai –país que os non abondo informados tantas veces
confunden, pola similitude verbal, co Uruguai-, chegou a estar proibido antano
polos propios xesuítas que rexentaban as Misións das que xa vos teño falado,
quen o consideraban droga –algo semellante ao tema da folla de coca na cultura
andina-… ata acabar implantándose e extendéndose a todo o que algún tempo fora
o vicerreinado do Rio da Prata e tamén ao sul brasileiro, onde é chamado
chimarrao (cimarrón), este termo aplicado concretamente ao mate ao natural, sen
aditivos tales o azúcar e outros.
O nome ven da
cabaciña desa árbore que, unha vez valeirada e curada, pasa a se usar como
recipiente, a xeito de taza… sin que falten os sucedáneos como mates de
madeira, mesmo forrando a cabaza con metal ou coiro, ou sendo directamente de
metal ou louza.
Nos tempos coloniais
había mates e bombillas en prata e aplicacións de ouro, moi propios da arte
indoamericana, que é máismente coñecida no mundo polas mostras de arte sacra:
retábulos e cadros piadosos.
Bombillas son estes caniños das fotos de enriba.
(Canto ás outras, as de iluminar,
chamáselles bombitas ou lamparillas).
|
Vaiamos agora ao que é a erba-mate ou simplemente yerba: lonxe de ser unha erba, está
constituída pola folla da planta esmiuzada, cabendo nese proceso a selección da
folla só ou a mestura coas ramiñas da mesma planta (esta mestura é habitual na
erba arxentina; contrariamente á brasileira, que é de folla só e é a que
prefiren os uruguaios).
Prepárase a infusión deixando un oco na yerba para ir incorporando a auga
quente. (Os paraguaios, por mor das altas temperaturas, afixéronse a tomar mate
frío, unha especie de cold-tea, o que
aquí, máis ao sul, non se adoita). E absórbese o amargo líquido por ese canuto
ou pajilla que é a citada bombilla… ata que o sabor se vai
esfumando e compre entón reencher a cabaza: isto a calqueira hora do día, por
máis que haxa xente que prefire matear
cedo, sabedores de que a apenas excitante beberaxe lles impide conciliar o
sono.
Fonda pegada ten o mate na sociedade rioplatense,
agudizada no Uruguai e revitalizada co crecente empoderamento das clases
populares. É que, en tempos, as clases altas e máis urbanizadas e globalizadas,
foron desplazando o vezo de matear por consideralo pouco fino, demasiado
rústico (onde se iría a comparar co tea
ou chá!). Curioso é que os emigrantes
retornados, fins do XIX e comezos do XX chegaron a importar o costume en
lugares tan inesperados como Laxe e Fisterra.
E foi o pobo de base o que, mesmo como un acto de
rebeldía implícito, reforzou o uso que, nos comezos das eras, fora privativo de
indios e gauchos, ata facerse hoxe universalmente visíbel, mesmo levándoo pola
rua, nas oficinas, ata nos solenes lugares de goberno, o que se fixo posíbel
mercé ao invento do termo, que veu sustituir
a tradicional caldeira ou pava.
Todo o significado antropolóxico deste hábito crioulo é
imposíbel de desenvolver neste curto texto.
Dito de M. Riveiro Loureiro: Quen
toma mate e come zapallo… volve alá… polo carallo! (Zapallo, hortaliza variante
da cabaza).
Ningún comentario:
Publicar un comentario