luns, 20 de maio de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (19)



O Curmán de Undochán

Aí atrás dicíame meu curmán Un –o do encabezamento- como o barco que o trouxera “a estas praias australes” en 1951, o Highland Chieftain –Capitán das Montañas en versión libre-, acabou afundido nestas mesmas ribeiras nove anos máis tarde –cambiada a sua función e máis o seu nome en Calpean Star, val dicir, Estrela de Calpe ou Xibraltar-, permanecendo aínda no fondo. Iso levoume, lirismos aparte, a evocar a multitude de naufraxios acontecidos neste mar-río traicioneiro de vez, cos seus bancos e correntes, ventos fortes e brétemas súbitas, mestura de río e mar… con todo e ser tantísimo menos bravío ca a nosa brava Costa da Morte…

       O investigador Varese ten catalogado un número superior a 60 afundementos: 3 no século XVI, 6 no XVIII, 33 no XIX (grande parte deles sendo os últimos veleiros) e uns 20 na centuria pasada (desta non temos constancia), entre estes, dous “vapores de la carrera” –Buenos Aires-Montevideo-… algún deles mesmo colidindo con navíos afundidos antes!
       
      Naquela lista non se inclúe o acourazado de bolsillo alemán Admiral Graf Spee (Alte. Conde Spee), afundido (1939) polo propio capitán no trance de ser ver arrodeado por outros buques de guerra británicos no que se chamou até hoxe “Batalla del Río de la Plata”… Mais, de certo, non ven a conto desenvolver este dramático episodio dos inicios da II Guerra mundial.
      O que si, isto lévanos á “Batalla de Montevideo”, ben outra cousa, esta virtual, denominada así polo Prof. Alonso Montero, dando título ao seu libro “A batalla de Montevideo: os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954” (Eds. Xerais, 2003), a historiar neste ensaio a campaña Buenos Aires-Montevideo contra a represión do idioma galego, culminada coa presentación dun escrito de denuncia perante a Asemblea Xeral da UNESCO reunida ese ano na capital uruguaiana.                 
  
 
Inicio de dous documentos do evento de 1954,
o de embaixo redixido por F.L.Bernárdez     

  
    Estoutro día, en falando sobre Luís Seoane, citou meu curmán –do que son fiel seguidor- o feito da fundación (1963) do Laboratorio de Formas de Sargadelos na Magdalena-Buenos Aires, como un outro fito dos múltiples galego-americanos… ao que habería que sumar este de 1954, no tempo da Galiza (da España) amordazada. Pois el dicia que nunca se consideraba entre os clásicos fitos galegos da diáspora o citado arxentino. E eu engado que tamén non se fai memoria entre aqueles destoutro uruguaio. Ano este de 1954 que inicia no Uruguai galego unha década prodixiosa, marcada por algún destes logros:
Curiosa fusión de dous (1967) que moi logo
 quebraron, xa sen independencia aquel noso

Fundación do Banco de Galicia (1956), hoxe desaparecido –non confundir co Banco Galicia (sic) arxentino, aínda existente- e celebración da primeira das Jornadas de Cultura Gallega… (tamén coincidindo co I Congreso da Emigración Galega na capital porteña, como resposta a outras iniciativas oficiais do réxime franquista); creación do Teatro popular gallego (1958); publicación aquí de dous dos tres tomos da monumental “Historia de Galicia” (dirixida por Otero Pedrayo) e máis o bautizo da Escuela Galicia (1962); creación (1963) da AUHGA (Asociación Uruguaya de Hijos de Gallegos);  fundación do Hogar Español (1964, maismente nutrido con vellos galegos, institución de bandeira hoxe); e, finalmente, inauguración (1965) na Universidad de la República do primeiro curso de idioma galego que no mundo se deu, ano este seguinte ao da creación do Patronato da Cultura Galega de que xa temos falado.

Dato extemporáneo: O finado político uruguaio Hugo Cores (descendente de galegos) chamou “paro gallego” a un xeito de boicó plantexado polos comercios minoristas a productos de fábricas en conflito laboral.

.

Ningún comentario:

Publicar un comentario