xoves, 23 de maio de 2019

O DIARIO DE PEPYS


Por Pepe de Rocaforte
Á volta de tantos anos que xa case nin acordo, empezo nestes días a tomar contacto co “Diario” de Samuel Pepys e mira por onde acábome de decatar de que ata hoxe mesmo a idea que tiña sobre esta obra a pesar do tempo transcorrido desde que a puxera no punto de mira das miñas apetencias lectoras era moi imperfecta, por non dicir totalmente equivocada.
 En primeiro lugar tiven unha inicial decepción ó comprobar que o exemplar que conseguín non contén, nin moito menos, o Diario completo, senón unha selección de fragmentos, e que en castelán non se dispón aínda dunha edición íntegra. Nin en galego tampouco, por certo.
Mais ó comezar a lectura do extenso prologo de Joaquín Martínez Lorente, tamén tradutor ó castelán desta edición, xa me empecei a conformar cando vin que ata o pasado século XX nin sequera no seu idioma orixinal se publicara unha edición completa, o cal non é de estrañar tendo en conta a extensión do texto, preto dunhas 3100 páxinas, con moitas pasaxes carentes de interese para quen non sexa un estudoso do autor e a súa época.
Con moi bo siso Martínez Lorente advirte ó “desocupado lector” que na redacción das súas peripecias diarias Pepys (léase Pips, esto tamén acabo de descubrilo) rexistraba con detalle as súas ocupacións domésticas, os seus asuntos profesionais, as mañás na oficina, o trato obsequioso cos superiores, os paseos pola Bolsa a fomentar as relacións sociais, as visitas a librerías, os xantares opíparos ou non tan opíparos, as xuntanzas nas tabernas con amigos, bos bebedores e bos cantores, ós que acompañaba nas súas ocupacións enolóxico-musicais, os encontros furtivos coas súas amantes, que non eran poucas... E sen esquecer os avatares do duro período político que naquel tempo vivía Inglaterra, coa restauración da monarquía logo de once anos de república e a execución de republicanos que, despois de executados, eran despezados e os seus restos arrastrados polas rúas de Londres como mostra da magnanimidade do reposto monarca Carlos II. En fin: uns tempos movidiños.
Por tanto non me debe preocupar demasiado que, segundo propia confesión, o prologuista e tradutor escollese para esta edición tan só unha mostra selecta duns cento corenta días por ano, é dicir: pouco máis ou menos o 38% do total do tempo transcorrido ó longo dos dez anos nos que o señor Pepys deixou testemuño puntual de como se ía desenvolvendo a súa vida cotiá naquel duro período da historia británica.
A partir de hoxe disporeime a tomar con calma, a modiño  para non me empachar, a lectura deste “Diario”, e se ó cabo do tempo encontro algunhas pasaxes que me parezan particularmente saborosas, procurarei deixar constancia delas nestas liñas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario