Agardemos que o de
mandar unha muller á Lúa non sexa un acto máis para encher o
escaparate, coma se a mandasen a pasear por unha pasarela lucindo
garbo e figura. Temos dereito a desconfiar vindo de quen vén a
proposta. E o primeiro receo éntranos cando todo o esforzo do
anuncio é que vai ser unha muller e non que vai aportar á ciencia
tal viaxe. Esa xa é a primeira discriminación por razón de sexo
que lle vemos.
A segunda desconfianza
témola cando sabemos que o diñeiro ofrecido para a aventura, algo
así como catro veces o presuposto anual dunha cidade como A Coruña,
tampouco é suficiente, a dicir dos entendidos, que falan de varios
miles de millóns máis para que o proxecto se poida asegurar en
tempo e forma; e o outro reparo vén de que para xuntar a pasta van
limitar as becas dos estudantes (en masculino e feminino),
precisamente de quen menos posibilidades económicas ten para acceder
ás elitistas universidades do primeiro país do mundo. E todo para
financiar unha aluaxe que coincide co ano electoral e coa patrioteira
(que non patriota) idea de levantar ese orgulloso espírito máis
propio da Guerra Fría; algo que ata o administrador da axencia
espacial americana saúda como un ben para ilusionar ás rapazas do
imperio, demostrando que ese administrador debe pensar que a NASA é
algo así como unha axencia de manequíns. E para máis sae a noticia
en plena guerra comercial, con efectos globais, disposta a encarecer
desde a roupa deportiva ata os aparellos electrónicos máis
elementais (de deseño americano e fabricación asiática), incluída
a entrada en funcionamento da telefonía 5G que si é unha mellora
social, aínda que non tan de primeira páxina como unha estilizada
moza lucindo escafandro espacial; mentres a opinión pública
americana (un 65%) se pregunta se non sería mellor que a NASA
empregase todo ese esforzo en loitar contra o cambio climático,
amparados en certa lóxica que para o señor Trump é tabú, a de
amañar o tellado da casa antes de gastar os cartos en paseos
exóticos.
E a todo isto aínda
non saben que tipo de propulsor van usar, como vai ser o módulo
lunar, como farán para o retorno á nave e tantas outras cousas que,
ou ben quedan nas mans da improvisación ou en repetir o que xa se
fixo hai agora cincuenta anos. En resumidas, que polo que a letra
pequena non di semella que queren ir á Lúa para sacar un selfie.
Si saben que en
oposición ó Apolo, misión que tomara o nome do deus solar para
manternos fronte á televisión ata as catro da mañá, esta
chamarase coma a súa irmá xemelga, Artemisa, unha deusa macholo
protectora dos cazadores e enfeitada ó estilo grego con arco e
frechas, porque daquela non había fusís nin escopetas; pero tamén
unha verdadeira bruxa (precursora dos aquelarres) que, cando a
cabreaban, estendía as pestes entre o gando disparando frechas de
odio. ¿Non sería mellor Atenea?
É o malo de
presentar estas viaxes como escenarios de alfombra vermella e non
como un campo de experimentos multidisciplinar grazas ó que hoxe
temos unha serie de produtos que van desde os cueiros ata a
electrónica dixital. E sen embargo, este gobernante afanado en poñer
ós seus de primeiros, tal vez non saiba que antes de que un
americano pisase a Lúa xa houbo unha muller rusa que fixo unha viaxe
espacial, e tras ela moitas máis (incluída unha hispana), sen quen
ninguén as considerase un adorno disfrazado de igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario