luns, 27 de maio de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (20)



O Curmán de Undochán

 “Los últimos charrúas”. Fraca lembranza
en El Prado montevideano.
      É de crer que este paisiño, pequecho para as enormes Américas, mediano para as Europas, ten, entre outras, duas características que moito influíron na sua idiosincrasia. Para abreviar: ven sendo, ao meu xuízo, o menos americano e ao tempo o menos hispano deste torturado continente. Razoemos.

“Os últimos charrúas” déronse por extintos en 1832, recén nada a República  -de xeito que, neste caso concreto, non se lle pode reclamar a este último Borbón que pida perdón-, nun combate desigual, sendo estes catro do monumento sobrevivintes vendidos a un feirante francés –que os levou a París, so pretexto de os utilizar para un estudo antropolóxico, onde foron morrendo aos poucos… despóis de pasaren por un ominoso período circense (está a lenda urbana de que o Mitterrand era descendente seu).


Eis o pecado orixinal do Uruguai, aínda hoxe esgrimido polos indixenistas, moitos deles procedentes xeneticamente dos aboríxenes –mais non só dos charrúas- e aí vou para aclarar, unha vez máis, que cos estudos xenéticos actuáis van medrando os americano-descendentes… se ben indios puros non os hai, a diferencia do que acontece no resto de países da rexión –Cuba e o resto dos caribenses serían outra excepción. Isto polo que toca ao enunciado concepto de país menos americano das Américas.

Ora, por que, ao tempo, o menos español? Primeiro, por (falta de) antiguidade: o que foi conquista temperá nas áreas da América do Caribe e do Pacífico (século XVI), por estas latitudes sulinas (Arxentina, Uruguai), que non oferecían o atractivo dos cobizados ouro e prata, o que chegou foi unha serodia colonización. (Fago salvedade do acontecido cos nativos arxentino-chilenos, esquilmados na famosa guerra del desierto, da segunda mitade do XIX, que está moi fresca na mente e na acción dos actuáis aboríxenes).

    
 O Templo Inglés montevideano (Holy Trinity Church),
 símbolo da antiga presenza imperial británica nesta terra
 (coa torre de Correos ao fondo)
Cinguíndonos ao país que nos ocupa, primeiro se introducíu o gando desde o Paraguai (século XVII), para logo írense instalando tímidamente viliñas como Santo Domingo Soriano (1624) e Colonia do Sacramento (1680, fundación dos invasores lusos), ambas no sul do territorio… ata que o gobernador de Buenos Aires (segundamente fundada aínda en 1580), se víu obrigado polo primeiro Borbón a fundar Montevideo (1726-1730). (Paréceme estarlle dando excesivo protagonismo aos dous Borbóns!).

Se repararmos en que, a pouco da semi frustrada invasión inglesa -1807, como a francesa en Galiza, 6 meses de 1809, apenas durando sete meses- se expulsou (1814) ao dominador español… temos que esa dominación efectiva durou apenas escasos 90 anos… e se a isto engadimos as posteriores intensas camadas de canarios, bascos e, sobre todo, galegos… -algúns dos pobos menos típicamente españois da España-, invadindo pacíficamente esta República –seguidos polo melting pot de europeos (britanos, galos, ítalos, gregos, croatas, xudeus…) e asiáticos ocidentais (armenios, libaneses, árabes…)-, aí temos a demostración da segunda parte da miña ousada hipótese: país menos español das Américas.

Vocabulario extemporáneo: Cruceiros chamámoslle aos “cruise ships” turísticos. O estelar Cruzeiro do Sul devéu en símbolo do Brasil, mesmo dando antano nome á sua moeda… En tanto cruceiros galegos hai media ducia en Montevideo, entre os cales dous históricos (ourensáns oriundos de comezos do XIX).
.

Ningún comentario:

Publicar un comentario